Nova: O novo talento musical galego reúnese no IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís

14/07/2019

O novo talento musical galego reúnese no IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís

A Xunta apoia a formación musical de base co IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís que reúne hoxe no Gaiás a 600 intérpretes

No encontro participaron 12 formacións ademais da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, integrada por músicos de 27 bandas e conservatorios

O conselleiro de Cultura e Turismo gabou o papel do evento para enriquecer a formación musical dos intérpretes máis novos e pór de relevo o seu traballo

  • IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís 1 IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís 1

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2019.- A Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe a IV edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que preto de 600 músicos novos, de 13 formacións, interpretaron os repertorios elixidos para a ocasión. O certame incluíu un concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da comunidade e dirixida por Xabier Oliveira Blanco –director da banda A Lira de Ribadavia–. O certame finalizou cunha entrega de diplomas e coa interpretación do Himno Galego por parte de todas as formacións participantes de xeito conxunto.

A xornada contou coa presenza do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, quen gabou os obxectivos deste festival, que se propón “fomentar o encontro entre os intérpretes máis novos, establecer vínculos que propicien a colaboración entre as bandas e enriquecer a formación musical das novas xeracións”.

O titular de Cultura da Xunta quixo tamén pór en valor a relevancia das bandas de música no marco da cultura popular así como a elevada calidade das formacións galegas e os seus músicos avaladas por premios e recoñecementos e que hai apenas un par de semanas puidose comprobar en directo durante o Serán’02.

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia proponse ademais pór de relevo o importante labor formativo das escolas de música de asociacións, bandas de música e concellos, amosando o seu traballo ante o gran público. O evento está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo.

O conselleiro participou na entrega de diplomas ás formacións participantes acompañado do presidente da FGBMP, Iván Estévez Sabucedo; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

Programa da xornada

O festival arrancou ás 11,00 horas no Museo Centro Gaiás, desenvolvéndose ao longo de todo o día como unha xornada de convivencia entre os e as participantes –todos e todas menores de 20 anos–.

Os intérpretes pertencen a 12 formacións, escollidas por sorteo entre todas as bandas de música federadas da FGBMP que se presentaron ao proxecto –un total de 25–. Cada formación interpretou os repertorios elixidos para a ocasión, que incluíron pezas do máis variado: desde compositores de bandas sonoras como John Williams e Michael Sweeney, de musicais como Andrew Lloyd Weber, ou versións orquestrais de temas de Coldplay ou Walk the Moon. Completou o programa a actuación da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, recentemente formada a través dunha convocatoria lanzada pola FGBMP a músicos menores de 18 anos e tamén a directores interesados, en virtude da cal foron seleccionados os seus 50 integrantes, pertencentes a 27 bandas e conservatorios.

Bandas participantes

As formacións participantes deste ano foron a Banda da Escola de Música de Ponteledesma (Viladecruces), a Banda Xuvenil da Agrupación Musical do Rosal, a Agrupación Músico Cultural de Ribadumia, a Banda de Música Infantil de Rubiós (As Neves), a Banda da Escola de Música de Vilaboa, a Banda da Escola de Música de Xinzo (Ponteareas), a Xove Banda de Valga, a Banda de Música Municipal Xuvenil de Agolada e a Banda Xuvenil de Vilatuxe (Lalín), todas elas procedentes da provincia de Pontevedra. Da provincia de Ourense actuaron a Banda Xuvenil da Agrupación Musical da Limia e a Banda de Música de Santádega (Coles); mentres que da provincia da Coruña participou a Banda Infantil Sementeira (Narón).

Comparte