Nova: Galicia desenvolverá unha ampla axenda cultural e turística en Roma para promover o Xacobeo 21

11/06/2019

Galicia desenvolverá unha ampla axenda cultural e turística en Roma para promover o Xacobeo 21

Román Rodríguez mantivo varias reunións en Italia co embaixador de España, Alfonso Dastis; o director do Instituto Cervantes, Juan Carlos Reche, e o representante de Turespaña, Jorge Rubio, para planificar accións conxuntas

O obxectivo destas iniciativas é fortalecer as relacións no Camiño de Santiago, favorecer o intercambio artístico e difundir a nosa cultura neste país

Os italianos son os peregrinos estranxeiros cunha maior presenza e constitúen tamén un dos nosos principais mercados emisores de turistas

  •  Galicia desenvolverá unha ampla axenda cultural e turística en Roma para promover o Xacobeo 21 Galicia desenvolverá unha ampla axenda cultural e turística en Roma para promover o Xacobeo 21

Roma (Italia), 11 de xuño de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantivo hoxe varias reunións en Italia co obxectivo de planificar accións conxuntas nos eidos cultural e turístico no marco do Xacobeo 21. Con este fin, reuniuse co embaixador de España, Alfonso Dastis; o director do Instituto Cervantes, Juan Carlos Reche, e o conselleiro de Turismo español, Jorge Rubio. Estes encontros sentan as bases para que a Comunidade galega impulse unha ampla axenda en Roma dentro da programación do Ano Santo.

Con esta nova vía de colaboración fortaleceranse as relacións no Camiño de Santiago e o turismo cultural e relixioso; favorecerase o intercambio artístico entre ambos territorios, e difundirase a nosa cultura nun dos principais destinos de Europa e do mundo.

A axenda institucional mantida polo titular de Cultura e Turismo da Xunta na capital italiana incluíu un encontro co responsable de Turespaña neste país, Jorge Rubio, co que Román Rodríguez afondou na posibilidade de abordar iniciativas conxuntas no sector turístico, que ten especial relevancia na economía da Comunidade. Estas novas accións, encamiñadas a crear novos vínculos de traballo entre Italia e Galicia, buscan afianzar o eixo Santiago de Compostela-Roma-Xerusalén como cidades santas e Patrimonio Mundial da Unesco.

Neste sentido, cómpre destacar que, segundo a Organización Mundial do Turismo (OMT), o turismo relixioso move máis de 300 millóns de persoas cada ano no mundo. A capital galega, como meta de Ruta Xacobea, recibe cada ano a máis de 300.000 peregrinos a pé, en bicicleta ou a cabalo, aos que se engaden millóns de visitantes con esta motivación. Galicia terá así especial protagonismo en Roma no Xacobeo 21 como parte da estratexia de internacionalización, o que supón unha oportunidade para o conxunto do Estado.

Pontes de colaboración

Román Rodríguez tamén mantivo un encontro tanto co embaixador de España en Italia, Alfonso Dastis, como co director do Instituto Cervantes en Roma, Juan Carlos Reche. En ambos, o titular de Cultura e Turismo tendeu pontes de colaboración para levar a cabo actividades que poñan en valor a cultura e identidade galega neste país.

Deste xeito, exploráronse diversas propostas, con especial énfase nos creadores e artistas galegos, analizando estadías e exhibicións en institucións como a Academia de España en Roma ou o propio Instituto Cervantes. Igualmente, estudiouse a posible itinerancia de mostras que acrecenten o intercambio artístico entre Galicia e Italia.

Unha década de crecemento

Italia é tradicionalmente un dos mercados turísticos máis importantes para a nosa Comunidade. Os italianos veñen ocupando un papel moi destacado no Camiño de Santiago e actualmente é o país estranxeiro do que procede un maior número de peregrinos.

Só o ano pasado ano, percorreron a Ruta Xacobea preto de 30.000 peregrinos procedentes de Italia. Esta cifra multiplicouse por dous na última década, dando mostra da súa relevancia, patente tamén na extensa actividade desenvolvida polas asociacións de amigos do Camiño de Santiago ou a través dun activo labor de estudio e divulgación.

Italia é, ademais, un dos principais mercados turísticos para Galicia. Actualmente, é o cuarto mercado estranxeiro. De feito, o ano pasado achegou 115.000 viaxeiros, o que amosa o seu potencial de desenvolvemento na antesala da celebración do Xacobeo 21.

Comparte