Nova: Arrancan as obras de restauración do Castro de Santomé e da Igrexa da Santísima Trinidade

06/06/2019
Arrancan as obras de restauración do Castro de Santomé e da Igrexa da Santísima Trinidade
A restauración da igrexa ourensá arrancará o próximo luns e incluirá a renovación do sistema de cubertas e a consolidación da bóveda de barrotillo da nave
Os traballos de escavación arqueolóxica, consolidación e musealización do castro comezaron o pasado 2 de abril e rematarán a principios de decembro
Ourense, 6 de xuño de 2019.- O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o alcalde en funcións de Ourense, Jesús Vázquez, supervisaron esta tarde as obras impulsadas por este departamento no Castro de Santomé e na igrexa da Santísima Trinidade, que contan cun investimento total de preto de 500.000 euros.
No caso do conxunto arqueolóxico de Santomé, os traballos para a realización da escavación arqueolóxica, consolidación e musealización comezaron o pasado 2 de abril e contan cun investimento de máis de 124.000 euros de fondos propios da Consellería. Está previsto que a actuación remate a finais de ano.
Ademais da escavación na ladeira sur do xacemento, que abranguerá unha superficie total de 475 m², os traballos inclúen tamén a limpeza de vexetación do conxunto arqueolóxico, a consolidación das estruturas do castro, o seu acondicionamento coa colocación dunha varanda de madeira e a substitución e tratamento dos elementos informativos existentes no xacemento co fin de facilitar a súa visita. O proxecto inclúe tamén a realización dun plan de divulgación do conxunto arqueolóxico.
No caso da igrexa da Santísima Trinidade, está previsto que as obras comecen o próximo luns e rematen este mesmo ano. Os traballos contarán cun orzamento de máis de 360.000 euros e consistirán na renovación do sistema de cubertas e a rede de evacuación de pluviais, así como a consolidación da bóveda de barrotillo da nave.
Ademais destas actuacións, limparase a fachada, restauraranse os elementos de cestería, repoñeranse os rexuntados deteriorados, drenaranse os muros en contacto co terreo e sanearanse os parámetros interiores. Por último, instalarase un novo pavimento de madeira, renovarase a instalación eléctrica e porase en marcha a protección contra incendios.
Colaboración coa Diócese de Ourense
A posta en marcha das obras vén precedida da sinatura dun convenio de colaboración entre a Diócese de Ourense e a Xunta para poñer a disposición do Goberno galego os terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración do espazo. A igrexa, orixinaria dos séculos XII e XIII –aínda que reformada nos séculos XV e XVI– conta cunha fachada con tripla arquivolta de arcos apuntados.
O exterior do templo está coroado por unha crestería gótico-flamíxera e os contrafortes e torreóns cilíndricos reforzan o seu aspecto de fortaleza medieval. O interior presenta unha planta basilical e a súa capela maior cóbrese cunha bóveda. A porta de entrada do atrio pertencía ao primitivo hospital de San Roque, de época renacentista e o cruceiro é da época plateresca.