Nova: Homenaxe á investigadora rosaliana María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

02/04/2019

Homenaxe á investigadora rosaliana María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

A reedición dun traballo desta estudosa relativo ás orixes de Rosalía de Castro que presentouse nun acto que tivo lugar no compostelán Hostal dos Reis Católicos

Durante o dito acto celebráronse as figuras de Rosalía de Castro e da que foi, ata a súa recente desaparición, a máis importante investigadora da súa vida e obra

  • Homenaxe a María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2019.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na homenaxe a Rosalía de Castro (1837-1885) e á investigadora Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (1961-2018) organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e polo IES de Mos e celebrada na capela do Hostal dos Reis Católicos, lugar onde foi bautizada en 1837 a primeira destas mulleres. No curso do acto, presentouse a reedición do traballo Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a Inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro, da autoría de Ruiz de Ojeda, que afonda no nacemento e nas orixes da poetisa de Padrón.

Valentín García sinalou “a importancia que tivo para os estudos rosalianos o artigo que hoxe temos a fortuna e o pracer de reeditar, así como tantos outros da rigorosísima investigadora que foi Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda”.

Estrea dunha composición de Amancio Prada

Durante a homenaxe a Rosalía de Castro e a Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, Amancio Prada interpretou diversos poemas da poetisa, incluído Nasín cando as prantas nasen, musicado polo cantautor con ocasión desta lembranza, onde se estreou.

Ademais, leron textos de Rosalía de Castro Xesús Alonso Montero, quen engadiu á lectura un comentario, Carmeliña García e Helena Villar Janeiro. Laura P. Landeira recitou dous poemas de Curros Enríquez de contido rosaliano, A Rosalía e Canzón de cuna pra Rosalía de Castro Morta, en tanto que Dolores Vilavedra disertou sobre Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda, rosalianista.

Ao finalizar a homenaxe, conducida por Patricia Arias Chachero, os asistentes recibiron unha separata da revista do Centro de Estudos Galegos de Madrid Madrygal dedicada a Álvarez Ruiz de Ojeda e unha edición facsimilar do artigo desta investigadora.

Edición facsimilar

Sobre as orixes de Rosalía de Castro: a Inclusa de Santiago de Compostela e o caso de Josefa Laureana de Castro, o artigo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda presentado este serán no Hostal dos Reis Católicos; é unha segunda edición facsimilar dun traballo publicado en 1999 no número 39 da revista A trabe de ouro. En concreto, dunha das separatas deste artigo que contén anotacións á man da autora. Tales anotacións aparecen reproducidas en tinta vermella nesta publicación e arrequecen o texto orixinal. A separata inclúe un apéndice cos documentos achados pola investigadora e que lle serviron de base para a composición do artigo, así como unha nota preliminar de Xesús Alonso Montero, académico da lingua e viúvo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda

Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda (Vigo, 1961-2018) foi unha profesora e investigadora galega especialista na figura de Rosalía de Castro, pois realizou importantes achados documentais relacionados coa súa biografía e publicou numerosos traballos referidos á súa obra. Docente no IES de Mos, formou parte do padroado das fundacións Rosalía de Castro e Blanco Amor.

Comparte