Nova: Como me presento?, unha mostra coa que favorecer a participación das persoas con TEA no mundo da cultura

04/06/2018
Como me presento?, unha mostra coa que favorecer a participación das persoas con TEA no mundo da cultura
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou hoxe en Vigo na presentación dunha mostra de arte contemporánea itinerante centrada no achegamento ás persoas con Trastorno do Espectro Autista
O proxecto expositivo estará na sede de Afundación na cidade da oliveira ata o vindeiro 30 de xuño e viaxará en xullo á Coruña
Vigo, 4 de xuño de 2018.- A exposición Como me presento? 17 encontros fotográficos para recoñecerse nas persoas con TEA inaugurouse hoxe na sede de Afundación en Vigo, onde permanecerá ata o vindeiro 30 de xuño. A mostra “favorece a participación das persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) no mundo da cultura”, segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de apertura, “non só como espectadores, senón formando parte activa dela, como actores e creadores”.
Como me presento? é un proxecto de creación visual do colectivo de fotógrafos La Diapo, formado por Esteban Delaiglesia e Manu Suárez. A mostra foi comisariada por Monse Cea e documenta, mediante retratos, 17 encontros entre persoas con TEA, invisibles pola súa diferenza, e personalidades destacadas da sociedade galega, como Luis Tosar, Sés, Ángel Carracedo ou Pepe Solla. A mostra viaxará no mes de xullo á Coruña.
No acto tamén participaron Paloma Vela, coordinadora adxunta de Cultura de Afundación; Esteban Delaiglesia e Manu Suárez, fotógrafos de La Diapo fotografía e autores da mostra e Monse Cea, comisaria.
A exposición convida a descubrir o colectivo de persoas con Trastorno do Espectro Autista, promovendo o seu coñecemento a través das fotografías resultantes dun proxecto creativo no que as sesións foron realizadas en espazos relacionados coa cultura, lonxe dos ámbitos terapéutico, familiar ou educativo, aos que a imaxe pública destas persoas soe ir asociada.
O resultado é unha mostra de arte contemporánea, “un retrato colectivo no que estas persoas non só se representan, senón que ademais nos conducen a unha reflexión acerca da construción da súa identidade social”, afirmou o secretario xeral de Cultura, que se amosou moi honrado de “colaborar nunha iniciativa deste calado, contribuíndo á inclusión no mundo da cultura, ao que todas e todos temos dereito a ter acceso”.