Nova: A Cidade da Cultura acolle un curso de desenvolvemento de videoxogos para mozas e mozos emprendedores

06/04/2018
A Cidade da Cultura acolle un curso de desenvolvemento de videoxogos para mozas e mozos emprendedores
O curso, promovido pola Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, está cofinanciado pola Fundación Cidade da Cultura e a Fundación Incyde a través do Fondo Social Europeo
Participarán nesta acción formativa unha vintena de mozos e mozas menores de 30 anos, emprendedores ou profesionais, que busquen iniciarse ou ampliar coñecementos no desenvolvemento de videoxogos e a creatividade dixital
O curso, de 224 horas de duración, comezará o vindeiro 16 de abril e desenvolverase durante seis semanas no Centro de Emprendemento do Gaiás
Santiago de Compostela, 6 de abril de 2018.- Desde o vindeiro 16 de abril e ata o 25 de maio, unha vintena de mozos e mozas menores de 30 anos á procura de ampliar e mellorar as súas competencias profesionais poderán formarse na Cidade da Cultura en desenvolvemento de videoxogos e creatividade dixital. Será a través do programa Videoxogos e Emprendemento, unha iniciativa formativa da Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela, e cofinanciada pola Fundación Cidade da Cultura e a Fundación Incyde a través do Fondo Social Europeo. O curso, enmarcado no programa Operativo de Emprego Xuvenil, desenvolverase todas as semanas no Centro de Emprendemento do Gaiás.
O curso está dirixido a mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, xa sexan emprendedores ou profesionais, que queiran iniciarse no desenvolvemento de videoxogos, así como a aqueles interesados en ampliar e consolidar os seus coñecementos no campo da creatividade dixital. O obxectivo da acción é promover o éxito empresarial entre os participantes, xa sexa a través de novas oportunidades de crecemento ou de novas iniciativas empresariais.
Nun contexto no que o sector dos videoxogos é un dos de maior potencial de crecemento e innovación da industria dos contidos dixitais en España, este curso busca complementar o perfil de mozos e mozas que xa finalizaron os seus estudos e se atopan en situación de desemprego con formación especializada de utilidade para o seu futuro profesional.
Deste xeito, o programa aborda, dunha banda, as principais disciplinas vinculadas co desenvolvemento de competencias técnicas e artísticas no mundo do videoxogo, como poden ser produción, arte, deseño e desenvolvemento visual, deseño de personaxes, contornas e props, modelado, texturas, animación 2D e 3D ou efectos visuais. Por outro lado, inclúe tamén contidos dirixidos ao desenvolvemento de proxectos emprendedores nesta área das industrias culturais, como poden ser temas de marketing, finanzas ou modelos de negocio.
Ademais das sesións de formación conxunta, nas que se impartirán os contidos xerais do programa, o curso inclúe accións de acompañamento e titoría individualizada –destinadas a orientar a cada alumno en función do seu perfil profesional– e sesións de mentoría e seguimento –destinadas a apoiar aos participantes na creación do seu proxecto emprendedor–.
As persoas interesadas en participar poden poñerse en contacto coa Cámara de Comercio de Santiago (981596800; vivero@camaracompostela.com) ou consultar o programa completo e en www.camaracompostela.com ou www.cidadedacultura.org.
O emprendemento na Cidade da Cultura
Esta acción formativa vén sumarse á programación da Cidade da Cultura en torno ao emprendemento no eido das industrias culturais. Neste senso, o empredemento figura, xunto coa tecnoloxía e a cultura, como un dos tres eixes nos que opera o Gaiás, cun Centro de Emprendemento que ata o momento ten apoiado máis de 350 proxectos emprendedores innovadores. Este centro ofrece un espazo de coworking e un viveiro de empresas, ademais dunha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Telefónica, HP ou Vodafone, en colaboración coa Amtega, están desenvolvendo proxectos de apoio a start-up galegas.
Máis aló dos recursos dirixidos aos emprendedores con sede na Cidade da Cultura, o Gaiás desenvolve unha programación anual que ten por obxecto estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia, con accións formativas ou eventos como os Premios Gaiás Sixto Seco, as charlas TEDxGalicia ou o Spin2016, o maior evento de emprendemento universitario de América Latina, que chegou a congregar na Cidade da Cultura a máis de 3.000 persoas procedentes de universidades de España, Portugal e América Latina.