Nova: Unha banda feminina con 81 instrumentistas para celebrar o Día da Muller na Cidade da Cultura

05/03/2018
Unha banda feminina con 81 instrumentistas para celebrar o Día da Muller na Cidade da Cultura
Marcamos o compás terá lugar o vindeiro 17 de marzo no Museo Centro Gaiás e interpretaranse pezas de compositoras
A Banda Galega Feminina de Música créase ex profeso para esta conmemoración con integrantes de 53 formacións das catro provincias
Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2018.- A Cidade da Cultura de Galicia súmase á celebración do Día da Muller co primeiro concerto que se organizará na Comunidade galega dunha banda integramente feminina. Marcamos o compás xuntará, o 17 de marzo ás 20,30 h no Museo Centro Gaiás, a 81 instrumentistas que interpretarán un repertorio de pezas creadas todas elas por compositoras.
Baixo a batuta de Isabel María Rubio, a directora da Banda de Música de Lalín, a Banda Galega Feminina de Música créase ex profeso para esta conmemoración, tras ter recibido 110 peticións, procedentes de formacións das catro provincias galegas. Este concerto, que se celebrará no Museo Centro Gaiás, ten entrada de balde ata completar capacidade e inscríbese dentro da programación ao redor do Día da Muller da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e conta coa colaboración da Federación Galega de Bandas de Música.
Precisamente, Isabel María Rubio salientou que con este concerto o que se pretende é “visualizar a presenza feminina no ámbito da música”, xa que tamén o repertorio do programa será de pezas creadas todas elas por mulleres. Así, as composicións serán: Grana y Oro, de Ermerinda Ferrar; El Suspiro del Moro, de Mª Dolores Vitoria; La Bella Durmiente, de María Mendoza; Poème Du Feu, de Ida Gotkovsky; La Mezquita de Córdoba, de Julie Giraux.
A banda xa comezou os ensaios no Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e está formada por frauta, frautín, óboe, requinto, clarinete, clarinete baixo, fagot, saxo alto, saxo tenor, saxo barítono, trompa, trompeta, fliscorno, trombón, bombardino, tuba e percusión.
As mulleres que solicitaron formar parte da Banda Galega Feminina de Música proveñen de 53 formacións das catro provincias: Bandeira, Oleiros, As Pontes, Ribadulla , Salvaterra de Miño, Merza, Vilatuxe, Rubiós-As Neves, O Rosal, Caldas de Reis, Catoira, Meaño, Lalín, Silleda, Lugo, Barro, Rubión, Ortigueira, A Coruña, Xinzo, Coruxo, Brión, Rianxo, Xinzo (Ponteareas), PonteLedesma, Betanzos, Ferrol, Silleda, Vilagarcía, Celanova, Narón, Meira (Lugo), Belesar, Bembrive, Pobra do Caramiñal, Castrelo-Cambre, Viveiro, Salcedo, Antas de Ulla, Torroso-Mos, Cambre, Santadega (Coles), Goián, Cedeira, Lira de Rivadavia, Ordes, Rubiós, Sada, Beade (Vigo), Outeiro de Rei, San Miguel de Oia, Valladares, Beade e Vincios.
Isabel Maria Rubio
A directora desta banda de carácter temporal é Isabel María Rubio, natural de Murcia e que dirixe, na actualidade, a Banda de Música de Lalín. Ademais é profesora de Análise Musical, Coro, Banda, Percusión e Música de Cámara no Conservatorio Profesional de Música da mesma localidade pontevedresa.
Foi seleccionada o ano pasado para edición WMC Kerkrade International Conducting Competittion 2017 en Holanda e ese mesmo ano puido dirixir a Banda Municipal de Bilbao como gañadora do Concurso de Dirección, celebrado en outubro de 2016.