Nova: O segundo encontro das Casas Museo e Fundacións de Escritor insiste no traballo en rede para visibilizar as súas actividades

10/02/2018

O segundo encontro das Casas Museo e Fundacións de Escritor insiste no traballo en rede para visibilizar as súas actividades

A Casa dos Poetas de Celanova acolle unha xuntanza que se consolida como cita obrigada para fornecer accións conxuntas de colaboración

Cultura salienta a importancia destas entidades para a conservación do patrimonio cultural galego e pide a súa cooperación para a Memoria Dixital de Galicia

  • Fachada da Casa dos Poetas | Imaxe: Fundación Curros Enríquez Fachada da Casa dos Poetas | Imaxe: Fundación Curros Enríquez
  • II Encontro das casas museo e fundacións de escritores de Galicia II Encontro das casas museo e fundacións de escritores de Galicia

Celanova (Ourense), 10 de febreiro de 2018.- A Fundación Curros Enríquez convocou hoxe, sábado, na Casa dos Poetas de Celanova ás Casas Museo e Fundacións de Escritor a un encontro no que afondar no compromiso de traballar en rede, de xeito coordinado, como forma de poñer en valor a intensa actividade que realizan a prol da dinamización da cultura, sobre todo nos eidos local e rural.

Na orde do día estaban, ademais, iniciativas para a promoción conxunta das Casas Museo de Galicia e roteiros literarios e visitas teatralizadas. Este segundo encontro responde ao compromiso adquirido na primeira xuntanza, que tivo lugar no pasado mes de xuño en Ponteceso, de tirar partido dos parámetros comúns que rexen este tipo de entidades para articular iniciativas colectivas que lles dean máis visibilidade e contribúan a un aproveitamento óptimo dos recursos ao seu dispor.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou na reunión, poñendo de manifesto a vontade da consellería de Cultura e Educación de “promover e potenciar o achegamento e intercambio de experiencias entre institucións e entidades con finalidades semellantes, para impulsar os seus obxectivos fundacionais”.

Memoria Dixital de Galicia

Anxo Lorenzo, que tamén formaba parte da xuntanza como representante da Fundación Pública Camilo José Cela, puxo en valor o “importante papel” destas entidades na conservación e difusión da memoria dos escritores galegos e pediu a colaboración de todas no proxecto da Memoria Dixital de Galicia. Lorenzo lembrou que se trata dunha iniciativa colectiva, ao servizo da cidadanía e baseada nas novas tecnoloxías, “para a xestión e a conservación do patrimonio bibliográfico, arquivístico e museístico galego”.

“Quérese”, segundo o responsable de Cultura, “consolidar un fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial galego que, ao tempo, participe na confluencia de recursos dixitais no ámbito internacional”. De aí a importancia da colaboración das Casas Museo e Fundacións de Escritor, como depositarias da súa memoria.

Anxo Lorenzo animou aos participantes no Encontro a unirse a redes e proxectos de investigación europeas, seguindo o exemplo dalgunhas entidades que participan xa de xeito activo nelas. O secretario xeral de Cultura emprazounos a seguir traballando “en equipo”, posto que “os obxectivos das entidades das que forman parte son irrenunciables e delas depende unha parte imporante do que somos como sociedade e como pobo".

Poemas na rúa

O segundo Encontro de Casas Museo e Fundacións de Escritor rematou coa realización do percorrido literario urbano Poemas na rúa, unha iniciativa da Fundación Curros Enríquez, anfitrioa da xuntanza, que contou coa colaboración da Xunta de Galicia. Fragmentos de Onde o mundo se chama Celanova, Longa noite de pedra, A taberna do Galo, Aires da miña terra, As follas secas ou Amor de Artur permiten a celanoveses e visitantes convivir coa poesía na rúa e coñecer a orixe da sona literaria da vila.

Comparte