Nova: Nexos 2018 arranca cunha reflexión sobre conciliación da man de Carolina del Olmo

14/01/2018

Nexos 2018 arranca cunha reflexión sobre conciliación da man de Carolina del Olmo

Este ciclo de cultura contemporánea, que xa vai pola súa sexta edición, bota a andar o 27 de xaneiro e ata o 16 de xuño programará un total de cinco sesións

A iniciativa, que combina relatorios a cargo de expertos con actuacións artísticas, vén de ser distinguida cun certificado de Boas Prácticas para a Xestión Cultural

Nexos inclúe tamén actividades infantís e contará de novo coa colaboración das Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente

 

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2018.- A Cidade da Cultura acolle o próximo sábado 27 de xaneiro a primeira das sesións do ciclo Nexos de cultura contemporánea. A sesión, titulada A quimera da conciliación. Crianza, coidados e traballo doméstico no século XXI, arrancará cun relatorio de Carolina del Olmo, autora do coñecido libro ¿Dónde está mi tribu? Maternidad y crianza en una sociedad individualista, que vai pola súa novena edición.

Na súa palestra, a filósofa e xestora cultural abordará as dificultades na crianza das fillas e fillos e a situación dos coidados persoais na sociedade contemporánea, unha problemática que afecta de pleno a boa parte dos países occidentais en canto ás súas expectativas de fecundidade e demografía, e que foi tomada en consideración polos gobernos a través das chamadas políticas de conciliación.

O relatorio de Carolina del Olmo estará seguido dunha performance na que a escola de teatro Espazo Aberto celebra o seu 25 aniversario cunha metáfora escénica sobre o transcorrer do tempo na vida laboral dunha persoa calquera.

Con esta xornada, Nexos regresa ao Gaiás da man novamente de Marcos Lorenzo, programando un total de cinco sesións entre o 27 de xaneiro e o 16 de xuño. A iniciativa volve combinar relatorios didácticos de temas diversos, a cargo de destacados expertos e nun formato ameno e distendido, con vangardistas actuacións artísticas coas que Nexos redobra a súa aposta por dar voz ao talento galego a través de producións propias, creadas en exclusiva para este ciclo. Patrimonio e identidade; banda deseñada e animación en Galicia; as encrucilladas do mundo árabe e musulmán; e a renovación da música portuguesa completan o programa desta edición.

Por último, Nexos volve prestar especial atención aos máis pequenos e pequenas, aos que introducirá nos diferentes aspectos dos contidos que se abordan no ciclo a través de actividades lúdicas e didácticas coas que aprender xogando. O obxectivo é que á saída do ciclo, maiores e pequenos teñan reflexionado sobre as mesmas temáticas, cada quen desde a súa perspectiva, para poder conversar de xeito interxeracional.

Boas prácticas

Precisamente Nexos vén de ser distinguido pola Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural e a Deputación da Coruña, que o incluíu entre os proxectos do seu Banco de boas prácticas para a xestión cultural. Con este recoñecemento, ponse de relevo o esforzo do ciclo por abordar distintas disciplinas humanísticas e científicas, por vincular entidades e colectivos de Galicia relacionados con cada tema, presentar destacadas figuras de cada ámbito temático, así como manter un espazo de reflexión sobre temas que afectan á sociedade contemporánea.

Programa

Nexos continuará o 24 de febreiro cunha sesión sobre as claves da explosión creativa na banda deseñada e animación en Galicia. Para iso contarase con Alberto Vázquez, director de cine, ilustrador e debuxante de cómics, e Manuel Cráneo, artista multidisciplinar director da editora e produtora cultural Demo e creador da marca multiplataforma Planeta Mincha. Un mes despois, o 24 de marzo, o ciclo afondará no estado actual do noso patrimonio cultural, da man de Felipe Criado, profesor de investigación do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas), director do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e presidente da Asociación Europea de Arqueólogos.

O ciclo retomarase o 14 de abril con Gema Martín Muñoz quen fará unha achega á actualidade do mundo árabe e musulmán sen os lentes deformantes de Occidente. Esta escritora e socióloga é tamén profesora de Socioloxía do Mundo Árabe e Islámico da Universidade Autónoma de Madrid e foi profesora visitante na Universidade de Harvard e colaboradora da Universidade da Sorbona. Para pór fin a este, coma sempre, ecléctico Nexos, afondarase na renovación e florecemento nas pasadas décadas da música popular portuguesa. Será o 16 de xuño e terá como protagonista a Teresa Salgueiro, cantante e compositora, quen foi a vocalista de Madredeus durante vinte anos (de 1987 a 2007), gravando 11 discos nesa etapa.

Asistencia

As cinco sesións, a celebrar no Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca e Arquivo de Galicia, contarán coa colaboración de Bodegas Martín Códax e Conservas Antonio Pérez Lafuente.

Esta sexta entrega de Nexos introduce como novidade o pago por asistencia: 3 euros para os relatorios e 2 euros para as actividades coa cativada. Aquelas persoas que adquiran as tres primeiras sesións contarán cunha promoción especial e terán de balde as dúas seguintes. Pódese conseguir a entrada e ter información polo miúdo de cada unha das sesións en cidadedacultura.gal.

Comparte