Nova: Publícase o primeiro cancioneiro que recolle a música orixinal da requinta da Ulla, instrumento tradicional case desaparecido

22/12/2017
Publícase o primeiro cancioneiro que recolle a música orixinal da requinta da Ulla, instrumento tradicional case desaparecido
Rafael Carracedo Crespo é o autor do libro-disco A requinta da Ulla, editado por Edicións Embora coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación
A obra, que reúne máis de 80 partituras, planos e fotografías antigas, preséntase cunha charla-concerto o próximo 29 de decembro, ás 18:00 horas, na Cidade da Cultura de Galicia
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2017.- A requinta da Ulla, un instrumento tradicional galego case desaparecido desde os anos oitenta do século pasado, é a protagonista do cancioneiro homónimo que acaba de publicar o músico Rafael Carracedo Crespo. Trátase do primeiro cancioneiro que recolle a música orixinal deste prezado instrumento e que ve a luz baixo o selo de Edicións Embora, co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura.
A publicación A requinta da Ulla. Obradoiro Riobó recolle partituras, planos e fotografías antigas, e inclúe un CD con pezas interpretadas con este instrumento. A presentación da obra en Galicia vai ter lugar o vindeiro venres, 29 de decembro, nun acto no que se interpretarán en directo algunhas das pezas contidas no disco deste traballo, e que contará coa participación do autor, Rafael Carracedo; do secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e de Miguel Toval, director de Edicións Embora.
Aínda que existen varios traballos nos que se recupera a memoria deste instrumento tradicional, típico do Val do Ulla, este é o primeiro cancioneiro coas melodías que interpretaban os vellos requinteiros. Precisamente, os dous últimos requinteiros aínda en activo, Pepe de Nande e mais Marcelino de Muiñeiro, colaboraron co autor na elaboración do traballo.
Unha frauta traveseira para acompañar a gaita
A requinta da Ulla é un tipo de frauta traveseira que acompañaba á gaita, característica do Val do Ulla. Rafael Carracedo, trompetista da Garda Real e herdeiro dunha longa tradición musical familiar de músicos, acomete a tarefa de estudar, transcribir e transmitir un patrimonio cultural inmaterial que estaba a piques de desaparecer.
Con máis de 80 partituras transcritas, o estudo contén a historia dos inicios e desenvolvemento da frauta do Val do Ulla, así como a do obradoiro García Riobó da Estrada, o máis antigo de Galicia aínda en funcionamento. No disco que acompaña á obra escrita colaboran destacados músicos, como Daniel Bellón, Xurxo Fernándes ou Diego Maceiras e contén exemplos das pezas transcritas nas partituras e os sons de vellas gaitas, requintas e percusións.
Recuperación do patrimonio musical
A Secretaría Xeral de Cultura colabora con esta publicación co fin de contribuír á recuperación, á difusión e á posta e valor do patrimonio musical de Galicia, restablecendo a importancia dun instrumento tradicional ligado á vida e á música da comarca do Ulla.