Nova: Convocadas axudas para a tradución do libro galego por valor de 200.000 euros

21/12/2017
Convocadas axudas para a tradución do libro galego por valor de 200.000 euros
A convocatoria 2018-2019 desta liña de subvencións promove tanto a tradución de obras en galego a outros idiomas como de obras publicadas orixinariamente en galego para outras linguas
As editoriais teñen de prazo ata o 22 de xaneiro para presentar as súas solicitudes
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación destina 200.000 euros a promover a tradución de obras en galego a outros idiomas e de obras escritas orixinariamente en galego para outras linguas, a través da convocatoria de subvencións bianual 2018-2019, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia.
As editoriais teñen de prazo ata o próximo 22 de xaneiro para a presentación de solicitudes. A valoración dos proxectos presentados levaraa a cabo unha comisión de avaliación conformada por persoal da Consellería de Cultura e Educación, por unha persoa experta proposta polo Consello da Cultura Galega, por dúas persoas expertas propostas polas asociacións de tradutores ou de institucións relacionadas co ámbito da tradución e por unha persoa experta en literatura, ensaio, pensamento e ciencia designada pola Secretaría Xeral de Cultura.
Á hora de valorar os proxectos, a comisión terá en conta criterios como o número de edicións da obra que se vai traducir en calquera lingua, editadas nos últimos vinte e cinco anos; a súa actualidade, a vixencia dos dereitos de propiedade intelectual; o currículo da persoa responsable da tradución; o plan de distribución da publicación, o interese do proxecto para a cultura galega e se se trata da tradución dunha obra poética.
A contía máxima adxudicada a través desta orde de subvencións ascende a 200.000 euros, dos cales se destinan 120.000 euros á tradución desde outras linguas para o galego e os 80.000 euros restantes, para a tradución desde o galego para outras linguas. A contía máxima por páxina fíxase en 20 euros.
Impulso ao sector editorial
A orde de axudas á tradución ten unha incidencia directa no sector editorial, que entra dentro do seu propio obxecto, xa que constitúe un estímulo para que as firmas produtoras de obras baseadas na palabra escrita e na ilustración, nos distintos soportes, lle ofrezan ao público obras de interese e de calidade, procedentes de calquera lingua do mundo. Con este obxectivo, a Secretaría Xeral de Cultura establece esta liña de axudas, que permite cubrir unha parte importante dos gastos derivados da tradución, de xeito que apoia que se profesionalice a actividade tradutora en Galicia.
Así mesmo, a liña de subvencións á trudución facilita tamén que as obras orixinais galegas teñan unha saída cara ao exterior, coa conseguinte expansión do mercado para os dereitos de propiedade intelectual que lles correspondan, a meirande visibilidade do libro galego en áreas xeográficas distintas da nosa e a apertura de públicos e mercados para as persoas que producen obras da natureza aludida desde Galicia.
Dinamización do mercado do libro
Respecto do mercado do libro, con esta orde contribúese a mellorar a calidade da oferta dos establecementos profesionais de comercialización da lectura, xa que permite unha maior diversidade e unha presenza de obras en galego que lle dean prestixio á lingua propia de Galicia e que satisfagan as necesidades do público lector en galego, ao tempo que facilita a presenza de títulos galegos en mercados do exterior.