Nova: As axudas para promover o talento audiovisual galego en 2018 suman 145.000 euros

20/12/2017

As axudas para promover o talento audiovisual galego en 2018 suman 145.000 euros

Mantense a dotación desta liña de apoio a través da que cada ano se impulsa a escrita de cinco guións, a realización doutras cinco curtametraxes e a posta en marcha de tres longas con dirección novel

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación abre desde hoxe e ata o 19 de xaneiro o prazo de solicitude das subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego para 2018. Esta liña de axudas mantén a dotación de 145.000 euros das súas convocatorias anteriores, que cada ano se destina a impulsar 13 novos proxectos de guións, curtas e longametraxes.

En concreto, 25.000 euros resérvanse á escrita de cinco guións de longametraxes cinematográficas, 30.000 euros para a produción doutras cinco curtametraxes e 90.000 euros para a realización de tres longas por directores noveis.

As axudas ao talento, pioneiras no seu ámbito dentro do panorama audiovisual español, buscan favorecer a incorporación de novos creadores á industria galega coa finalidade de promover a xeración de propostas narrativas de especial valor cinematográfico, así como de contribuír ao enriquecemento cultural de Galicia mediante as distintas formas de expresión audiovisual.

Este ano os proxectos beneficiarios foron as curtametraxes Matria, de Álvaro Gago, que acaba de ser seleccionada para o festival de Sundance; A carta xeométrica, de Miguel Mariño; Exhalación, de Alberto Díaz López; Sendeiro, de Lucía Estévez, e Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana Gómez-Díaz; os guións Anguías, de Nuria Mosqueira Varela; Os días calados do señor Steven, de César Souto Vilanova; Só (unidade mínima), de Antonio Chouza López; Dúas vellas, sete gatos, tres máquinas de coser, de Marta Pérez Pereiro, e O corpo aberto, de Ángeles Huerta; e as longas 9 fugas, de Fon Cortizo; Ursúas, de Roi Fernánez; e Manoliño Nguema, de Antonio Grunfeld.

As bases, que poden consultarse no seguinte enlace do Diario Oficial de Galicia (DOG): www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20171219/AnuncioG1097-041217-0007_gl.html, especifican que as solicitudes deben presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do portal sede.xunta.gal e que a presentación electrónica é obrigatoria para as persoas xurídicas e as súas representantes.

Comparte