Nova: O Instituto Cervantes acolle o colofón da programación de homenaxe a Carlos Casares

19/12/2017

O Instituto Cervantes acolle o colofón da programación de homenaxe a Carlos Casares

O acto conmemorativo do Día das Letras 2017 foi clausurado pola presidenta do Congreso e contou coa participación institucional da Consellería, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura e a Real Academia Española

Román Rodríguez destacou o traballo, a intelixencia e a honradez de Casares como base para crear unha obra transcendente e de fonda pegada galeguista

 

Madrid, 19 de novembro de 2017.- A sede do Instituto Cervantes acolleu esta tarde unha das últimas celebracións conmemorativas a Carlos Casares Mouriño, o autor ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedica este ano o Día das Letras 2017. A Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Carlos Casares, organizan este colofón académico que foi presidido pola presidenta do Congreso dos Deputados, Ana Pastor Julián, e contou con representación institucional da Consellería de Cultura, da Real Academia Española, o Consello da Cultura Galega e a propia RAG.

Na súa intervención, Román Rodríguez, fixo fincapé no “traballo, a intelixencia e a honradez de Casares” como fundamento para crear unha obra transcendente e de fonda pegada galeguista. Desde o cosmopolitismo, a súa vocación humanística e dialogante, Casares foi un “cicerone internacional da cultura galega” nos foros literarios máis prestixiosos.

O responsable de Cultura rematou o seu discurso agradecendo ao Instituto Cervantes a participación neste tributo ao autor ourensán. “A Xunta estivo ‒explicou Rodríguez‒, está e estará sempre ao lado da Real Academia Galega na celebración do Día das Letras, pero é un gusto constatar que outras institucións do prestixio e influencia do Instituto Cervantes se sumen de un xeito tan decidido e xeneroso a esta conmemoración.” Así mesmo, o conselleiro lembrou que “o Goberno galego mantén con esta institución estatal unha estreita colaboración, non so para a celebración deste acto, senón na promoción e a difusión da lingua e cultura galega no exterior.”

O acto, presidido pola titular do Congreso dos Deputados, contou ademais da participación do conselleiro, do director do Instituto Cervantes, Juan Manuel Bonet; do director da Real Academia Española, Darío Villanueva; do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; do secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo e do administrador da Fundación Carlos Casares e fillo deste, Håkan Casares. A homenaxe incluíu unha actuación musical dos artistas Rosa Cedrón e Emilio Rúa.

Un referente da literatura galega

Membro numerario da Real Academia Galega ata o seu pasamento en 2002, Casares foi un dos autores de referencia da narrativa galega do século XX, cun compromiso con gran público lector, tanto a través das súas obras como das súas colaboracións na prensa. Esta faceta de escritor compaxinouna primeiro co seu labor como ensinante e despois cunha dimensión pública como xestor e dinamizador de proxectos de gran relevancia para a cultura galega, como a editorial Galaxia, da que foi director, o Consello da Cultura Galega, que presidiu entre os anos 1996 e 2002, ou o Centro PEN Galicia, ademais da propia Real Academia Galega. Casares tamén xogou un papel importante na difusión exterior da nosa literatura, grazas á súa participación permanente en espazos de encontro internacional de escritores.

Comparte