Nova: O Xardín do Teatro do Gaiás, un paso máis cara a unha cidade verde e da cultura máis viva, dinámica e acolledora

15/12/2017
O Xardín do Teatro do Gaiás, un paso máis cara a unha cidade verde e da cultura máis viva, dinámica e acolledora
Feijóo garante o compromiso do Executivo autonómico cunha Cidade da Cultura “útil, digna e proporcionada” da que todos os galegos poidan desfrutar
Precisa que esta idea permite solucionar a custo cero o problema que supoñía o oco escavado para o proxecto orixinal
Subliña que esta zona contará con especies botánicas de diversas partes do mundo e áreas equipadas para facer actividades culturais ou practicar deportes
Sobre a mellora dos accesos á Cidade da Cultura, resalta que as obras do enlace que unirá a AP-9 coas glorietas de acceso están xa en fase de adxudicación
- Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao Xardín do Teatro do Gaiás como un paso máis cara a unha cidade verde e da cultura máis viva, dinámica e acolledora, garantindo así o compromiso do Executivo autonómico cunha Cidade da Cultura “útil, digna e proporcionada” da que todos os galegos poidan desfrutar.
Durante o acto de presentación deste espazo –que no proxecto orixinal ocupaba o Teatro de Galicia-, Feijóo subliñou que esta zona contará con especies botánicas de diversas partes do mundo; áreas equipadas para facer actividades culturais ao aire libre ou practicar deportes urbanos como o monopatín; e puntos onde, simplemente, descansar e relaxarse en contacto coa natureza.
Logo de precisar que esta idea permite solucionar a custo cero o problema que supoñía o oco escavado para o proxecto orixinal, o presidente da Xunta resaltou que esta nova área únese aos catro parques e xardíns que xa existen para que a Cidade da Cultura se converta nun punto de encontro para todos os galegos.
Nesta liña, lembrou a posta en marcha por parte do Goberno galego do Plan de humanización para encher de vida a Cidade da Cultura.
Ao respecto, subliñou que o Bosque de Galicia, que xa se atopa na segunda fase da súa implantación, contará cunha superficie total de 34 hectáreas, na cal estarán plantados arredor de 12.000 árbores novos, converténdose no pulmón ecolóxico para a cidade. E, no tocante ao Xardín Literario, precisou que este lugar, que serve de encontro entre a natureza e a cultura, naceu coa vocación de ser un espazo no que a xente poida vivir a literatura, tanto a través das placas con citas de autores galegos como descansando nos seus espazos, na compañía dun libro.
Así mesmo, Feijóo referiuse á atmosfera fantástica que recrea o Parque da Balea, inspirado nas creacións do pintor Urbano Lugrís. E destacou os máis de 50.000 metros cadrados que ofrece o Parque do Lago, rexenerado baixo a batuta da arquitecta Isabel Aguirre.
Mellora dos accesos á Cidade da Cultura
Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo autonómico referiuse tamén aos avances nas obras de mellora dos accesos á Cidade da Cultura, como a rede de cinco quilómetros de sendas que atravesan o Bosque de Galicia e conectan o Gaiás co barrio compostelán de Sar; e o enlace que unirá a AP-9 coas glorietas de acceso, cuxas obras están xa en fase de adxudicación, co obxectivo de que poidan comezar nos primeiros meses de 2018.
Feijóo concluíu aseverando que o monte Gaiás ten cada vez máis vida e dinamismo. Non en van, ademais de acoller cada ano máis de 200 actividades culturais e 300 eventos, nestas instalacións traballan 500 persoas e funcionan un centro de emprendemento e un polo tecnolóxico con compañías como Telefónica, Vodafone ou HP.