Nova: A Biblioteca Pública de Lugo celebra o seu 30 aniversario nun acto conmemorativo

04/12/2017
A Biblioteca Pública de Lugo celebra o seu 30 aniversario nun acto conmemorativo
O secretario xeral de Cultura destacou o papel imprescindible que vén desenvolvendo o sistema bibliotecario galego e as directoras do centro lucense ao longo das últimas tres décadas fixeron un percorrido pola historia da entidade
Lugo, 4 de decembro de 2017.- A Biblioteca Pública de Lugo cumpre 30 anos de existencia e celebra esta efeméride cun acto no que as distintas directoras da institución ao longo deste tempo actúan como guías da súa evolución. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presidiu un acto para o recordo, no que o futuro de biblioteca tivo tamén un papel relevante.
O subdelegado do goberno, Ramón Carballo, a deputada de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto, a concelleira de Benestar Social do Concello de Lugo, Ana Abelleira; e o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, acompañaron a Anxo Lorenzo neste acto conmemorativo.
Para o secretario xeral de Cultura, que puxo en valor o papel das bibliotecas no desenvolvemento dunha sociedade, a Biblioteca Pública de Lugo ten como activos principais “os seus fondos documentais e o persoal que nela desempeña o seu labor”. Anxo Lorenzo fixo fincapé en que se trata dun “espazo aberto de convivencia, de comunicación e información, un axente activo de promoción da lectura, e un lugar para a aprendizaxe autodidacta e de apoio aos procesos educativos”.
As intervencións de Elena García, a actual directora; Marisol González, que a antecedeu no cargo, e Consuelo Meiriño, xefa do servizo do Sistema de Bibliotecas e que tamén dirixiu a entidade abundaron na historia do centro e puxeron de relevo a súa evolución ata chegar a ser “un centro con procesos áxiles e innovadores, que brinda servizos de calidade aos seus usuario e á comunidade na que se insire”, en palabras de Lorenzo.
A Biblioteca Pública de Lugo, de xestión autonómica, forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, coordinada pola Subdirección Xeral de Bibliotecas da Secretaría Xeral de Cultura. Os centros desta rede constitúen un dos eixes culturais básicos da sociedade actual, xa que facilitan o achegamento da cidadanía á información e á cultura. Os servizos bibliotecarios permiten un acceso gratuíto e en igualdade ao libro e á lectura e, cada vez máis, son espazos centrais da dinamización cultural de vilas e cidades.