Nova: Comeza o ciclo VindeCine coa estrea do filme Jeanette

03/12/2017
Comeza o ciclo VindeCine coa estrea do filme Jeanette
A Consellería de Cultura bota a andar en Santiago de Compostela o ciclo VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual con este traballo do director Bruno Dumont
A película estréase mañá luns, ás 21.30 horas, con entrada gratuíta ata completar a capacidade da sala
Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación bota a andar mañá luns, ás 21.30 horas, na compostelá sala Numax o ciclo VindeCine. O tempo de Martín Códax a través do audiovisual coa estrea en Galicia de Jeannette. Tras o seu paso polo festival de Cannes, o filme do director Bruno Dumont chega a Santiago de Compostela para iniciar os ciclos de cine arredor do medievo que traerán un total de 21 proxeccións ás pantallas de Compostela, de Vigo -a través de Multicines Norte- e da Coruña -no Centro Galego de Artes da Imaxe. CGAI- nas vindeiras semanas.
A selección de títulos realizada polos programadores das salas que participan nesta iniciativa vaille permitir ao público gozar dunha serie de filmes de destacados directores dos séculos XX e XXI, algunhas delas de estrea en Galicia, como o caso de Jeannette. Nesta comedia musical que aborda a infancia da heroína francesa a través dos textos musicados da obra O misterio da caridade de Xoana de Arco, do poeta Charles Peguy, o seu laureado director aborda a transformación da pequena Jeannette dunha nena relixiosa con conflitos de fe na guerreira que liberou Francia dos invasores británicos.
Unha programación diversa
A sala Numax programa este ciclo os luns alternos, ata o 19 de febreiro. O día 18 será a quenda de Maestá!, de André Guérif. Trátase dun curioso filme experimental que, durante a súa hora de duración, nunha soa toma fixa, coloca a gráfica da pintura homónima de Duccio, dándolle movemento e son a cada unha das súas partes, seguindo a orde cronolóxica establecida polo pintor italiano.
O 8 de xaneiro estréase en Galicia Little Crusader, de Vàclav Kdrnka, unha longametraxe checa na que un cabaleiro vai na procura do seu fillo, que partiu para seguir os pasos do proxenitor. Unha metáfora sobre a perda e os ideais nun mundo no que os pobos veciños se atopan tan lonxe como as estrelas.
La academia de las musas, de José Luis Guerín, proxectarase o 22 de xaneiro. Un exercicio de docuficción no que o director catalán filma as clases que un profesor italiano imparte nun posgrado de filoloxía acerca das musas e a súa influencia, particularmente na Divina comedia, de Dante.
Pecharán o ciclo en Santiago de Compostela, no mes de febreiro Qué difícil é ser un deus!, a película póstuma do director ruso Aleksey German Jr., o día 5. E o clásico Os contos de Canterbury, de Pier Paolo Pasolini, o día 19.
Programación dedicada ao Pergamiño Vindel
Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse toda a programación dos ciclos, así como do resto de actividades que a Xunta de Galicia está a desenvolver arredor da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, que se exhibe no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, ata o vindeiro 4 de marzo.