Nova: A Cidade da Cultura promove a innovación nas aulas divulgando novas experiencias educativas

01/12/2017

A Cidade da Cultura promove a innovación nas aulas divulgando novas experiencias educativas

InquEDU presenta no Gaiás proxectos innovadores ao redor de cuestións como a igualdade de xénero, a diversidade sexual ou a aprendizaxe de idiomas

Os gañadores do concurso de oratoria ComucatEDU amosan as súas habilidades nunha quenda de presentacións

A científica África González e o músico Roi Casal participan nesta xornada sobre cambios no eido pedagóxico

 

  • A Cidade da Cultura promove a innovación nas aulas divulgando novas experiencias educativas A Cidade da Cultura promove a innovación nas aulas divulgando novas experiencias educativas
  • A Cidade da Cultura promove a innovación nas aulas divulgando novas experiencias educativas A Cidade da Cultura promove a innovación nas aulas divulgando novas experiencias educativas

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017.- A Cidade da Cultura de Galicia converteuse hoxe nun espazo para presentar proxectos pedagóxicos innovadores que se están a ensaiar con éxito en centros educativos galegos e que representan novas abordaxes didácticas a temas como a diversidade sexual, a igualdade de xénero, a aplicación das tecnoloxías dixitais nas aulas ou a aprendizaxe de idiomas.

Estas experiencias déronse a coñecer no InquEDU, a primeira edición dun evento ao redor da innovación educativa, co-organizado pola Fundación Galicia Sustentable e a Fundación Cidade da Cultura, no marco do seu programa de apoio ao emprendemento. Este novo foro ten por obxecto darlle visibilidade aos novos modelos, recursos e ferramentas que se están a probar con éxito en centros da comunidade, ao tempo que se promove un debate que involucra a profesores, alumnos e docentes en torno aos cambios e desafíos na educación.

Nesta xornada, presentáronse tamén os gañadores do concurso ComunicatEDU, un programa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria dirixido a fomentar a adquisición de habilidades orais entre o alumnado. InquEDU contou coa intervención da científica África González e o músico Roi Casal, como representantes de eduMOTIVA, unha iniciativa da Xunta dirixida a ofrecer aos centros de ensino experiencias de persoeiros de recoñecido prestixio profesional e relevancia social para favorecer entre o alumnado valores como a motivación, o esforzo, a superación ou a curiosidade.

Pedagoxía terapéutica

A xornada contou coa asistencia de relatores como Laura Fernández, finalista nacional do Premio Proyecta D+I na categoría de docente máis innovador e Premio Acción Maxistral na 2016. Esta docente, especialista en audición e linguaxe e en pedagoxía terapéutica, presentou a charla A ilusión dun cambio.

A diversidade sexual foi outro dos aspectos sobre os que xirou InquEDU, coa intervención Escola sen armarios de Cristina Palacios, presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas) e co-redactora do Protocolo Educativo sobre identidade de xénero, da Consellería de Educación.

O aproveitamento das tecnoloxías dixitais foi analizada por Juan Sanmartín, profesor de secundaria e editor de The Flipped Classroom, proxecto baseado no concepto dándolle a volta á clase, co que se describe a aposta por un modelo educativo baseado en empregar o tempo fóra da clase para os proceso de aprendizaxe e as horas de clase para a participación activa.

Igualdade de xénero

Co título Educación para o cambio, a reflexión sobre a co-educación e cuestión de xénero nas aulas correu a cargo de Lola Ferreiro, mentres que Séchu Sende presentou e experiencia de Escolas de Ensino Galego Semente, como un proxecto de inmersión lingüística autoxestionado.

Tamén no eido dos idiomas, Mark Wiersma deu a coñecer a ópera pop futurista Sira e o robot, un libro dvd que representa un achegamento lúdico e didáctico ao inglés de interese para escolares, pero tamén para persoas adultas.

A xornada completouse coa instalación Somos paisaxe, un proxecto impulsado en colaboración coa Consellería de Medio Ambiente para concienciar da diversidade natural da comunidade. Ademais, o programa ofreceu o show didáctico de Vicento Mohedano, do proxecto Peripaciencia.

Comparte