Nova: Residencias Paraíso: oito proxectos en oito residencias artísticas

29/11/2017
Residencias Paraíso: oito proxectos en oito residencias artísticas
O programa do colectivo RPM e Agadic Residencias Paraíso preséntalle ao público os seus oito proxectos
Os axentes implicados (promotores, xestores dos espazos culturais e artistas) reúnense hoxe na Coruña para coñecer as claves das propostas seleccionadas este ano e avanzar na preparación da edición de 2018
Este Encontro Artistas 2017 #ResidenciasParaíso ábrese aos espectadores na sesión de tarde para compartir con eles as diferentes experiencias creativas
A Coruña, 29 de novembro de 2017.- O programa Residencias Paraíso, organizado polo Colectivo RPM co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para impulsar a investigación e a creación arredor das artes do movemento, preséntase hoxe ao público a través dun encontro que reúne os axentes implicados nesta iniciativa: as dúas entidades promotoras, os espazos escénicos colaboradores e os artistas dos oito proxectos impulsados este ano.
Tras a presentación aos medios de comunicación deste Encontro Artistas 2017 #ResidenciasParaíso, a sesión da mañá tivo lugar na Fundación Luis Seoane da Coruña a modo de xuntanza interna para analizar e valorar o desenvolvemento desta primeira edición cara á preparación do programa de 2018 xunto cos concellos colaboradores: A Coruña (co Teatro Rosalía Castro, ademais da propia Fundación Luis Seone), Carballo (Pazo da Cultura), Lugo (Vello Cárcere), Narón (Pazo da Cultura) e Ourense (Auditorio Municipal).
Como explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, a Xunta apoia este programa desde “o compromiso compartido de dar un novo impulso á investigación e á creación coreográficas en Galicia, así como desde o recoñecemento do traballo previo, continuado e consecuente coa difusión da danza, dos seus promotores, os membros do colectivo independente RPM integrado por Rut Balbís, Catarina Varela, Félix Fernández, Andrea Quintana e Alexis Fernández”.
Primeiros resultados das estadías artísticas
Sutil referiuse tamén aos proxectos que, tras unha convocatoria pública á que se presentaron máis de 60 candidaturas, foron seleccionados para desenvolver estadías artísticas durante o último cuadrimestre do ano: “Unha interesante escolma de propostas, que viñeron asinadas por artistas e intérpretes entre os que atopamos nomes ben coñecidos no ámbito coreográfico galego, ao lado doutros que se están a facer un oco no panorama escénico actual e mesmo intérpretes que a priori asociamos a traballos máis teatrais”, sinalou.
Xa pola tarde, o Encontro Artistas 2017 #ResidenciasParaíso ábrese ao público mediante a presentación por parte dos creadores participantes das principais claves dos seus proxectos e das súas experiencias durante as estadías. Neste sentido, intervirán Begoña Cuquejo e María Roja, artistas residentes no Teatro Rosalía Castro da Coruña; Masako Hattori (compañía Kokoharuka), no Pazo da Cultura de Narón; Diego M. Buceta, no Auditorio Municipal de Ourense; Óscar Bueno, na Fundación Luis Seoane da Coruña; Estela Lloves, no Vello Cárcere de Lugo; Areta Bolado e Ailén Kendelmán, tamén no Vello Cárcere; e Borja Fernández e Diego Anido, no Pazo da Cultura de Carballo.
O oitavo proxecto incluído nesta sesión vén da man de Cristina Vilariño, quen este mes desenvolveu unha residencia en El Graner de Barcelona para afondar na súa liña de investigación, centrada na aprendizaxe a través do movemento. Esta colaboración levouse a cabo dentro da sección Cruceiros Paraíso, que supón a extensión das Residencias Paraíso fóra de Galicia.