Nova: O Pergamiño Vindel enche a fin de semana de música e conversas

24/11/2017
O Pergamiño Vindel enche a fin de semana de música e conversas
Péchase en Cangas o obradoiro Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax, cunha charla-concerto a cargo do grupo Pres de Cambrai
O ciclo Un vermú por Vindel, con conversas arredor de Martín Códax e a figura dos libreiros, chega á libraría Espazo Lector Nobel de Gran Vía, en Vigo
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2017.- A Consellería de Cultura e Educación continúa coa programación que acompaña a exposición Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas, para facilitar a difusión e coñecemento deste manuscrito, en resposta ao grande interese que esperta a mostra entre a cidadanía. Un interese que se estende ás accións que se están a levar a cabo e que inclúen actuacións de difusión social; achegamentos a Martín Códax e o seu tempo a través da música ou o cine; sen esquecer iniciativas destinadas aos máis novos ou específicas para o mundo académico.
A música no tempo de Martín Códax
O obradoiro Pergamiño Vindel e a música no tempo de Martín Códax pecha o seu percorrido en Cangas, este sábado 25 de novembro. Unha charla-concerto na que o grupo Pres de Cambrai interpreta mostras da música dos séculos XII e XIII con réplicas de instrumentos medievais, realizadas por diferentes obradoiros de artesáns. Terá lugar na sala de exposicións do Auditorio de Cangas, ás 19.00 horas e aínda se pode conseguir algunha praza, a través do propio Auditorio, no teléfono 986 304 108 ou no mail auditorio@cangas.gal.
Os tres obradoiros realizados ata o momento (en Vigo, Redondela e Baiona) permitiron a un público moi interesado, que encheu todas as prazas dispoñibles, mergullarse na estética musical da Idade Media e contextualizar as cantigas de Martín Códax, ao tempo que se familiarizaban cos instrumentos específicos da época.
Conversas nas librarías arredor do Pergamiño Vindel
O ciclo Un vermú por Vindel achega ás librarías conversas entre libreiros, expertos e público en xeral, coa figura de Pedro Vindel como referente. O sábado 25, ás 12.00 horas terá lugar a segunda das sesións, na librería Espacio Lector Nobel de Gran Vía, con Mariña Arbor como experta e a libreira Maribel Ferreiro como anfitrioa. Os interesados en asistir poden consultar a dispoñibilidade de prazas na propia libraría.
A Secretaría Xeral de Cultura ofrece con esta actividade a posibilidade de analizar o papel do libreiro como dinamizador cultural e mediador entre lectores e libros, así como de departir sobre as cantigas de Martín Códax e a lírica trobadoresca.
As próximas citas de Un vermú por Vindel son tamén en Vigo. O sábado 2 de decembro, na librería Librouro, da man do seu propietario, Xurxo Patiño, e do catedrático de Lingua e Literatura Galega Xosé Ramón Pena. O día 9 de decembro, na librería Prisma, a libreira Verónica Vázquez e o xornalista gastronómico Miguel Vila compartirán vermú e conversa con todos os asistentes.
Na páxina web de Cultura, en https://www.cultura.gal/gl/programacion-actividades, pode consultarse toda a programación de actividades.