Nova: La Macana, Pisando Ovos e SóLODOS recibirán máis de 50.000 euros para a produción dos seus novos espectáculos

16/11/2017
La Macana, Pisando Ovos e SóLODOS recibirán máis de 50.000 euros para a produción dos seus novos espectáculos
O director da Agadic e os representantes das compañías seleccionadas asinaron hoxe os contratos mediante os que a Xunta investirá 51.344 euros no desenvolvemento destes tres espectáculos
Pink Unicorns, Directo 9 e Corps Sonore son propostas contemporáneas que apostan polas novas linguaxes escénicas desde diferentes puntos de partida
Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2017.- O Centro Coreográfico Galego coproducirá os novos espectáculos de La Macana, Pisando Ovos e SóLODOS, as tres compañías seleccionadas para participar no programa de coproducións 2017-2018 da unidade de danza da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
O director da Agadic, Jacobo Sutil, e os representantes das formacións escollidas para esta iniciativa asinaron hoxe os contratos en virtude dos que a Xunta achegará 51.244 euros para o desenvolvemento dos tres proxectos, que poderán verse sobre as táboas a partir de mediados de 2018.
As propostas seleccionadas son Pink unicorns, de La Macana; Directo 9, de Pisando Ovos; e Corps sonore, de SóLODOS. Todas elas sitúanse no ámbito da danza contemporánea e na exploración de novas linguaxes escénicas desde diferentes puntos de partida e perspectivas.
Proxecto internacional
No caso de Pink unicorns, a compañía de Alexis Fernández e Catarina Varela continúa apostando pola colaboración con artistas internacionais. Así, na creación colectiva do seu novo espectáculo sumarase ao equipo Samir Akika, coreógrafo de orixe francesa radicado en Alemaña. Ademais, La Macana conta co apoio de dous relevantes teatros alemáns, Theater Bremen e Theater im Pumpenhaus, tamén en calidade de entidades coprodutoras.
Pisando Ovos foi seleccionada con Directo 9, una peza para DJ e dous bailaríns. O noveno espectáculo da compañía que dirixe Rut Balbís preséntase como un concerto-reunión onde os corpos (e non só os dos bailaríns) serán os protagonistas. Partindo da base da construción en directo do espazo escénico e do son, crearase un lugar de encontro sen barreiras entre o intérprete-artista e o público. En Directo 9, todos os asistentes serán convidados a compartir o salto, vibración ou movemento conxunto tan característico dos concertos multitudinarios.
Por último, SóLODOS participa no programa de coproducións da unidade de danza da Agadic con Corps sonore, unha obra concibida dentro da corrente artística Land Art. Na súa proposta, a compañía de Maruxa Salas e Erick Jiménez utilizará o espazo escénico como metáfora do contexto (lugares urbanos, rurais...) para interactuar co medio de forma directa. A creación da peza xurde, así, do diálogo dos artistas coa contorna, dando pé a unha conversa en múltiples direccións entre a paisaxe, a arquitectura, a música e a danza.