Nova: O Museo do Pobo Galego vai ampliarse para incorporar unha sección de Historia Contemporánea e Autonómica

28/10/2017
O Museo do Pobo Galego vai ampliarse para incorporar unha sección de Historia Contemporánea e Autonómica
Feijóo afirma que os galegos probablemente non admiren por igual as pezas que se amosan no museo posto que “non somos uniformes no noso pensamento”, pero “entendemos que todos os elementos aquí expostos forman parte dunha andaina compartida”
Indica que, ao igual que sucede no conxunto da política cultural galega, os galegos “somos conscientes de que a nosa obriga non é unicamente salvagardar a cultura pasada, senón renovala e continuala”
Subliña o “papel clave do Museo do Pobo Galego no proceso de normalización cultural da nosa terra ao longo da era democrática”
- Vídeo da intervención do presidente da Xunta
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2017.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que as institucións que sosteñen e impulsan o Museo do Pobo Galego están “comprometidas coa súa ampliación, creando unha sección de Historia Contemporánea e Autonómica de Galicia”, coa previsión de que estea rematada en 2020, no ano anterior ao Xacobeo 2021.
Fixo este anuncio no acto de conmemoración do XL Aniversario do Museo do Pobo Galego, de Santiago de Compostela, onde acudiu acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez. Alí, fixo fincapé en dous valores colectivos que están patentes no museo e que seguen a ter plena vixencia na Autonomía de Galicia: a pertenza colectiva da institución e a continuidade.
Como asegurou Feijóo, o museo “non é de ninguén e é de todos”, posto que non leva ningún apelido nin o nome de ningún galego ilustre, senón que a visión dos seus impulsores levounos a facer propietario del a todo o pobo galego. Neste senso, indicou que os galegos probablemente non admiren por igual as pezas que se amosan no museo posto que “non somos uniformes no noso pensamento”, pero sobre esas diferenzas “entendemos que todos os elementos aquí expostos forman parte dunha andaina compartida”.
No que atinxe á continuidade, subliñou que, ao igual que sucede no conxunto da política cultural galega, os galegos “somos conscientes de que a nosa obriga non é unicamente salvagardar a cultura pasada, senón renovala e continuala”. Con respecto a isto, engadiu que a nosa cultura non está conformada só polas pegadas dos galegos de onte, senón polo rastro que os galegos de hoxe queremos deixar para as xeracións futuras.
“Unha cultura para o entendemento”
Feijóo subliñou que dos símbolos de onte e de hoxe que alberga o Museo do Pobo Galego “brota unha cultura para o entendemento” que “non pecha senón que abre” e que “non establece valados senón que abre camiños”. O titular do Goberno galego destacou a importancia de que os espazos culturais da nosa época sigan abríndose aos creadores contemporáneos de xeito que, a través deles, poidamos enriquecer e transmitir a cultura galega
Feijóo aproveitou a súa intervención para facer especial mención a Xaquín Lorenzo, Antón Fraguas, Díaz Pardo, Rafael Baltar, García Alén e Acuña Castroviejo, entre moitos outros, por contribuír a darlle forma ao museo.
Así mesmo, fixo fincapé no “papel clave do Museo do Pobo Galego no proceso de normalización cultural da nosa terra ao longo da era democrática”, un exercicio de coherencia que involucrou sempre ás mentes máis comprometidas co progreso do noso país, e que sumou sempre o compromiso das principais institucións da nosa terra.