Nova: Unha nova exposición do programa galego-portugués Nortear fai un percorrido fotográfico pola vía férrea do Douro e do Miño

19/10/2017

Unha nova exposición do programa galego-portugués Nortear fai un percorrido fotográfico pola vía férrea do Douro e do Miño

Camiños do Ferro e da Prata. Liñas do Douro e do Miño conta, a través de imaxes procedentes de legados familiares, a historia da construción das vías do tren nesta rexión do norte de Portugal

A Consellería de Cultura, a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a AECT promoven a mostra, que se exhibe na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela ata o 29 de novembro

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2017.- A construción da vía férrea do Douro e do Miño é o eixo central do novo proxecto expositivo que ve a luz no programa Nortear para o intercambio cultural entre Portugal e Galicia, impulsado pola Consellería de Cultura e Educación, pola Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e pola Agrupación Europea para la Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal.

Camiños do Ferro e da Prata. Liñas do Douro e do Miño é o título desta exposición que tende novas pontes entre Galicia e Portugal a través da arte e que se pode visitar na capital galega, na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, ata o próximo día 29 de novembro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, de martes a sábado. Os domingos e festivos a mostra permanecerá aberta de 11:00 a 14:00 horas.

A mostra foi presentada o pasado martes, 17 de outubro, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director rexional de Cultura do Norte de Portugal, António Ponte; pola vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, Dolores Álvarez; e pola concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago de Compostela, Marta Lois.

De exposición temporal a itinerante

Camiños do Ferro e da Prata. Liñas do Douro e do Miño foi pensada como unha exposición temporal no Museo de Lamego, hai agora 4 anos. O seu éxito entre o gran público converteuna en mostra itinerante que pecha en Santiago, na igrexa da Universidade, un periplo por diversos museos en Portugal. A mostra estará aberta ata o día 29 de novembro.

A fotografía, contemporánea do ferrocarril, serve como rexistro documental, memoria familiar e expresión artística, a un tempo, da chegada do tren a Portugal, e a revolución que iso supuxo ao transformar para sempre o espazo, dinamizar o comercio e permitir a comunicación de persoas e mercadorías en lugares ata ese momento illados case por completo.

A exposición nace no marco do programa Nortear, no cal se desenvolven, segundo recordou Anxo Lorenzo, diversas iniciativas culturais, nomeadamente no campo da literatura, como o Premio Literario Nortear, dirixido á mocidade escritora para incentivar a creatividade literaria entre os escritores e escritoras de Galicia e Portugal, e o ciclo de Conversas Nortear, nun formato de diálogo entre escritores, en diferentes cidades de Galicia e do país veciño.

 

Intercambio expositivo galego-portugués

Co fin de favorecer o diálogo galego-portugués a través da cultura, o programa Nortear vén promovendo desde a súa posta en marcha un intercambio de proxectos expositivos galegos, para a súa exhibición no norte do país veciño, e portugueses, que se poden ver na comunidade galega. 

Comparte