Nova: Sesións dedicadas a novos cinemas, Curtocircuíto, FKM e OUFF na nova temporada do CGAI

08/10/2017
Sesións dedicadas a novos cinemas, Curtocircuíto, FKM e OUFF na nova temporada do CGAI
A vindeira semana está marcada pola visita á filmoteca de Teddy Williams, a quen o certame compostelán vén de dedicarlle unha retrospectiva
O FKM Festival de Cine Fantástico da Coruña terá na Filmoteca de Galicia unha das súas sedes, mentres que desde Ourense chegan a fin de mes Mariano Llinás e Jeannette Muñoz
A Coruña, 8 de outubro de 2017.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI–Filmoteca de Galicia) mostra o seu compromiso cos festivais audiovisuais, establecendo colaboracións con varios destes eventos ao longo do ano. Se abriu a temporada 2017-2018 coas películas premiadas na última edición de Novos Cinemas, o martes 10 recibirá a Teddy Williams, chegado directamente de Curtocircuíto. Este mes o CGAI acolle, ademais, o FKM Festival de Cine Fantástico da Coruña e dedícalle dúas sesións ao Festival de Cine Internacional de Ourense OUFF.
Nos últimos meses, a filmoteca recibiu tamén algunhas das proxeccións e dos protagonistas do Festival Internacional de Curtas de Verín, do Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui ou do (S8) Mostra de Cine Periférico, entre outros. Mediante estas colaboracións, o CGAI recibe na súa sede coruñesa importantes cineastas que visitan Galicia, ao tempo que lles ofrece aos certames un espazo de difusión onde expandir a súa programación.
Aposta por novos valores
A seguinte destas colaboracións é con Curtocircuíto, o festival compostelán que precisamente hoxe clausura a súa décimo cuarta edición e que ofreceu unha retrospectiva do realizador arxentino Teddy Williams.
Presentado polo Curtocircuíto como artífice dunha “batería de imaxes empapadas de misterio, nas que todo, de modo inesperado, toma a forza e fraxilidade dunha epifanía”, o seu particular estilo valeulle o Leopardo de Ouro na sección Cineastas do Presente de Locarno pola súa ópera prima El auge del humano. Esta longametraxe e mais as súas cinco curtas son o que el mesmo presentará no CGAI o martes día 10.
Clásicos e últimas tendencias do fantástico
Outro nome importante que se achega á filmoteca é Luciano Tovoli, o director de fotografía da mítica Suspiria (1977), de Dario Argento. Este clásico do cine de terror é un dos que máis ten marcado as novas xeracións de realizadores de xénero nos últimos corenta anos, precisamente polo seu revolucionario uso da luz como forma expresiva. Tovoli presenta neste aniversario unha copia restaurada baixo a súa propia supervisión.
É un dos protagonistas do FKM Festival de Cine Fantástico da Coruña, que tamén recupera outro clásico, The Wicker Man, cunha montaxe do director apenas vista. Mostra ademais as últimas tendencias do cine de xénero, con especial atención ao que se fai en Galicia e con concursos internacionais de curtas e óperas primas. O CGAI será unha das súas sedes do 17 ao 21 de outubro.
Descubrimento de autores
Xa pechando o mes, os cineastas Mariano Llinás e Jeannette Muñoz visitarán tamén a filmoteca logo do seu paso polo OUFF de Ourense. O primeiro é coñecido polos seus guións con Santiago Mitre, responsable de importantes éxitos como Paulina ou La cordillera, agora mesmo nas salas españolas. Mais conta tamén cunha filmografía como director das máis persoais no cine arxentino contemporáneo. Presenta no CGAI La flor (parte 1), a súa última produción, o vindeiro 25 de outubro.
Ao día seguinte é a quenda de Muñoz, aposta do festival, que nos descubre unha cineasta de vangarda cunha “colección de cartas fílmicas sen retorno coas que reflexiona sobre as súas experiencias persoais ao tempo que se cuestiona sobre o cinematográfico”, indican dende a organización do encontro ourensán.