Nova: O centenario de Fernando Rey celébrase no CGAI con 20 dos seus filmes máis emblemáticos e cunha exposición no Quiosco Alfonso

15/09/2017

O centenario de Fernando Rey celébrase no CGAI con 20 dos seus filmes máis emblemáticos e cunha exposición no Quiosco Alfonso

O ciclo arrinca o 21 de setembro coa proxección de Tristana, de Luis Buñuel, e esténdese ata finais de novembro na sede da filmoteca da Xunta de Galicia na Coruña

A exposición fotográfica organizada polo Concello coruñés no Quiosco Alfonso amosará 117 fotografías e material do arquivo familiar procedentes do depósito do CGAI

  • Fernando Rey, nun fotograma dunha das súas películas Fernando Rey, nun fotograma dunha das súas películas
  • O centenario de Fernando Rey celébrase no CGAI con 20 dos seus filmes máis emblemáticos e cunha exposición no Quiosco Alfonso  O centenario de Fernando Rey celébrase no CGAI con 20 dos seus filmes máis emblemáticos e cunha exposición no Quiosco Alfonso
  • O centenario de Fernando Rey celébrase no CGAI con 20 dos seus filmes máis emblemáticos e cunha exposición no Quiosco Alfonso  O centenario de Fernando Rey celébrase no CGAI con 20 dos seus filmes máis emblemáticos e cunha exposición no Quiosco Alfonso

A Coruña, 15 de setembro de 2017.- O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) acolle ata novembro un ciclo coas películas máis representativas do actor Fernando Rey para celebrar o seu centenario. A filmoteca galega súmase así aos actos de homenaxe ao intérprete coruñés, que tamén comprenden unha exposición conmemorativa no Quiosco Alfonso, promovida polo Concello da Coruña cos fondos documentais depositados no CGAI.

O programa de proxeccións arrinca o xoves día 21 ás 20:30 horas con Tristana, de Luis Buñuel, e esténdese durante dous meses, nos que se mostrará unha vintena dos títulos máis emblemáticos da carreira do intérprete. Todos eles conforman unha escolma diversa e representativa dunha carreira que se prolonga uns 50 anos e que conta con incursións en Hollywood, como The French Connection, ou exitosas participacións en coproducións europeas, como El discreto encanto de la burguesía. Los últimos de Filipinas, Locura de amor, Diario de invierno, Ese oscuro objeto del deseo o Duende y misteiro del flamenco son algúns dos primeiros filmes do ciclo.

Á sesión de apertura acudirá un dos fillos de Fernando Rey, Fernando Casado Campolongo, quen depositou no CGAI máis de 1000 fotografías do arquivo familiar, dixitalizadas nos últimos meses, coas que precisamente se montou a mostra ‘Fernado Rey. Cabaleiro do cinema (1917-2017)’.

50 anos de cinema

Na presentación destas actividades, que tivo lugar hoxe na Coruña, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, referiuse a Fernando Rey como “un dos actores máis importantes que ten dado a historia do cine español, cunha filmografía que se estende desde a posguerra ata finais do século XX e na que se pode ver a evolución do cine español”.

No acto, no que tamén participaron o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, e o catedrático José Luis Castro de Paz —comisario xunto con Rubén Ventureira da exposición— Jacobo Sutil agradeceu a confianza do fillo de Fernando Rey no CGAI. “Hai meses tróuxonos un importante agasallo, unha maleta do pai que contiña, non só fotografías, senón tamén carteis, programas de man, notas, correspondencia, felicitacións ou premios recibidos polo actor. Unha escolma destes materiais, escollida polos comisarios deste fondo depositado nas nosas instalacións, é a que ides podes ver nos próximos dous meses no Quiosco Alfonso”, explicou.

Case 250 filmes

Dende a posguerra ata finais do século XX, Fernando Rey participou en case 250 filmes, moitos deles internacionais debido ao seu dominio de linguas coma o inglés, o francés ou o italiano. Membro dunha familia da burguesía coruñesa, foi fillo do destacado militar republicano Fernando Casado Veiga. Aínda que sempre fiel a esta ideoloxía, puxo a cara nos anos corenta a soados éxitos de corte patriótico do réxime franquista coma o drama histórico Locura de amor (Juan de Orduña, 1948) ou a bélica Los últimos de Filipinas (Antonio Román, 1945). Ao tempo non deixou de traballar cos grandes renovadores do cine español dos cincuenta, en películas como ¡Bienvenido, Mister Marshall! (Luis García Berlanga, 1952), onde pon a voz en off, ou xunto a Juan Antonio Bardem en Cómicos (1953), La venganza (1957) e Sonatas (1959).

Logo dun breve exilio mexicano tras esta etapa na que non acababa de se sentir cómodo coa maioría dos seus papeis, a súa madurez como actor chégalle da man de Luis Buñuel. Con el traballará en varios dos seus filmes dos sesenta e setenta e obterá boa parte dos seus recoñecementos. Co seu rol de don Jaime en Viridiana (1961), Palma de Ouro en Cannes, brindará a primeira das súas inesquecibles interpretacións para o cineasta de Calanda. Tristana (1970) faralle gañar o Fotogramas de Plata (o Goya do momento), e con El discreto encanto de la burguesía (1972) gañou un Oscar.

Hollywood e o cine europeo

É tamén un momento doce para a carreira internacional do actor. Con varios papeis en Hollywood, sendo quizais o máis icónico o do xefe mafioso que fuxe de Gene Hackman en The French Connection (1971), ponse ás ordes de Orson Welles en Campanadas a medianoche (1966) e acompaña a Paul Newman no reparto de Quinteto (Robert Altman, 1979). Convértese tamén nun habitual do referente cine europeo de autor da época, en fitas como Pascualino siete bellezas (Lina Wertmüller, 1975) ou Nina (Vincente Minnelli, 1976). Os seus últimos anos no cine español estarán marcados principalmente pola súa fonda colaboración co tamén surrealista Francisco Regueiro, co que parece continuar a senda iniciada con Buñuel. Non deixará de colaborar con autores importantes do momento: Pilar Miró, Jaime Chávarri ou José Luis Cuerda. O seu último papel é o de Al otro lado del túnel (Jaime de Armiñán, 1994), aínda que fica máis no recordo o seu icónico Quixote na adaptación de Manuel Gutiérrez Aragón para TVE en 1991.

Comparte