Nova: Lugo acolle a entrega do Premio Otero Pedrayo 2015 a Arcadio López Casanova

12/09/2017

Lugo acolle a entrega do Premio Otero Pedrayo 2015 a Arcadio López Casanova

O secretario xeral de Política Lingüística gabou o profesor, poeta e tradutor lucense por este galardón, que promoven a Xunta de Galicia e as deputacións das catro provincias galegas

  • Entrega do Premio Otero Pedrayo 2015 | Foto Twitter @fundaciontic Entrega do Premio Otero Pedrayo 2015 | Foto Twitter @fundaciontic

Lugo, 12 de setembro de 2017.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron hoxe á tarde no paraninfo da Deputación no acto de entrega do Premio Otero Pedrayo a Arcadio López Casanova. O galardoado delegou a súa participación no tamén poeta e presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar.

O premio ten unha dotación económica de 16.000 euros e fixa os seus principais en recoñecer as contribucións eminentes á cultura galega, promover os valores propios de Galicia e perpetuar e honrar a memoria de Ramón Otero Pedrayo. O galardón ten carácter anual e rotativo, polo que se convoca cada ano por unha das deputacións provinciais, en colaboración coa Consellería. Ademais de representantes da Deputación convocante e da Consellería, no xurado participan membros das tres universidades galegas, da Real Academia Galega, e do Instituto Padre Sarmiento, ademais de cinco persoas independentes designadas pola Xunta, de solvencia científica e literaria.

Recoñecemento a unha prolífica traxectoria

García Gómez incidiu no carácter “transversal e integrador” deste premio, instaurado no ano 1977, e co que foi recoñecido o labor de persoeiros como Francisco Fernández del Riego, Isaac Díaz Pardo, Manuel María, Uxío Novoneyra, Neira Vilas ou Carlos Casares, entre outros.

O responsable de Política Lingüística quixo salientar na súa intervención a valiosa contribución de Arcadio López, profesor, crítico literario e poeta lucense, ao desenvolvemento da cultura galega e á difusión da súa lingua propia, a través da súa “extensa traxectoria como escritor e investigador”. Neste sentido, definiu ao intelectual como un poeta cunha excelsa produción literaria, autor de monografías e estudos literarios dedicados a Rosalía, Curros, Amado Carballo, Pimentel, Cunqueiro, ou Celso Emilio Ferreiro; e como un magnífico docente. Deste xeito, García referiuse a Arcadio López Casanova como “un firme defensor e difusor da nosa lingua”.

Nado en Lugo en 1942, Arcadio López-Casanova é profesor, crítico literario, poeta, tradutor, antólogo e editor de textos literarios. Ao longo da súa prolífica traxectoria ten realizado, a maiores da súa obra poética, incursións noutros ámbitos das letras como o teatro, o relato e a tradución.

O galardoado é membro de honra da Real Academia Galega desde 2013 e ten visto recoñecido o seu labor como premios como o Voz de Liberdade, que lle entregou o Centro PEN Galicia en 2015.

Canda o secretario xeral e o delegado territorial participaron no acto o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde; o poeta Luís González Tosar, en representación do premiado, Arcadio López-Casanova; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo Páez; o tenente de alcalde do Concello de Lugo e concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández Méndez; e o secretario xeral da Deputación de Lugo, Cristóbal Víctor Fraga Bermejo.

 

Comparte