Nova: Espazos Sonoros viaxa ata Arbo coa música antiga do ensemble Favola d’Argo

08/09/2017
Espazos Sonoros viaxa ata Arbo coa música antiga do ensemble Favola d’Argo
Rosana Orsini, Marco Brescia e Manuel Vilas actuarán o sábado 9 de setembro, ás 20:00 horas, na igrexa de Santa María de Sela cun programa arredor do compositor Giovanni Felice Sances, unha figura central da cantata italiana do Primo Seicento
Previamente, as persoas inscritas participarán nunha ruta pola paisaxe etnográfica e natural de Santa María de Sela
Ata o 15 de outubro, o festival promovido pola Consellería de Cultura percorrerá Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona con concertos e actividades para a descuberta do patrimonio cultural
Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2017.- O festival Espazos Sonoros chega esta fin de semana ao municipio pontevedrés de Arbo cun concerto de música antiga a cargo do ensemble Favola d’Argo. Rosana Orsini e Marco Brescia, coa colaboración do arpista galego Manuel Vilas, serán os responsables de poñerlle música á xornada do sábado 9 de setembro cunha actuación que terá lugar ás 20:00 horas na igrexa de Santa Mariña de Sela, gratuíta e aberta a todo o público ata completar a capacidade.
O programa, que se presenta baixo o título Lagrime tutte care, propón un achegamento á obra do compositor e cantante Giovanni Felice Sances (Roma, 1600 - Viena, 1679) –unha figura central da cantata italiana do Primo Seicento–, a través da interpretación dalgunhas das súas obras máis emblemáticas escritas para voz soa, con acompañamento de continuo, ademais de obras para arpa ou clave doutros nomes imprescindibles do primeiro Barroco italiano, como Frescobaldi ou Tarquinio Merula.
Ruta pola contorna de Santa Mariña de Sela
Antes do concerto, ás 15:00 horas, as persoas inscritas terán ocasión de participar nunha ruta pola contorna de Santa Mariña de Sela, cun descenso polo río ata a praia fluvial. O percorrido, que transcorre por unha fermosa paisaxe etnográfica e natural, continuará pola parroquia de San Xoán de Barcela e polo lugar da Torre.
Dez anos de música e patrimonio
Os fornos da Pontenova, o castelo de Pambre, o mosteiro de Montederramo e Santa Mariña de Sela son algúns dos escenarios da décima edición do festival Espazos Sonoros, que percorrerá nas próximas semanas, ata o 15 de outubro, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona para a descuberta do patrimonio cultural e natural destes municipios a través da música e de diversas actividades.
Un obradoiro de fundición de campás, a paisaxe organística do Camiño do Norte, rutas a pé, visitas guiadas e obradoiros conforman unha programación que contará, entre outras, coas actuacións de Austrian Baroque Company, do guitarrista Samuel Diz, de Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, de Pablo Seoane ou do pianista Alejo Amoedo, canda a soprano Susana de Lorenzo.
Próximos concertos e actividades
Na próxima xornada, o 16 de setembro, o festival promovido pola Secretaría Xeral de Cultura baixo a dirección de Belén Bermejo, traerá a Galicia o guitarrista catalán Xavier Díaz-Latorre, que actuará ás 19:00 horas no mosteiro de Montederramo.
Previamente ao concerto, o festival programa unha ruta polo Bidueiral de Gabín, un espazo natural situado entre a Ribeira Sacra e o macizo central de Queixa-Manzaneda. O prazo de inscrición para participar na actividade está aberto ata o 13 de setembro, en actividades@espazossonoros.org
A partir de mañá, 9 de setembro, tamén se abre o prazo para participar na ruta do antigo ferrocarril e na visita guiada polos fornos da Pontenova, en Lugo, que terá lugar o vindeiro 23 de setembro. Ese día Espazos Sonoros ofrecerá un concerto a cargo de Xesús Vaamonde e Xosé Lois Romero, no que os dous músicos realizarán unha viaxe a través das ferramentas da tradición musical de Galicia.
O programa completo do festival está accesible en www.cultura.gal/axenda e en www.espazossonoros.org