Nova: Volven as Findes na Balea ao Museo Gaiás para que os rapaces experimenten co seu talento artístico

23/08/2017

Volven as Findes na Balea ao Museo Gaiás para que os rapaces experimenten co seu talento artístico

Todos os sábados de setembro realizaranse obradoiros infantís vinculados coas exposicións Da árbore á cadeira e Flor Novoneyra

Rapaces entre 5 e 10 anos crearán coas súas familias xardíns portátiles e poesías visuais, mentres que os de entre 8 e 11 traballarán coa pintura e a plástica

  • Cartel promocional de 'Findes na Balea' Cartel promocional de 'Findes na Balea'

Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida os máis pequenos e pequenas a subir á Cidade da Cultura de Galicia todos os sábados de setembro para sacar fóra o gran artista que levan dentro. Será grazas ao programa creativo Findes na Balea, que volve á programación do Museo Gaiás para que nenos e nenas experimenten coa súa faciana creativa a través das exposicións que acolle na actualidade: Da árbore á cadeira e Flor Novoneyra.

Findes na Balea contará todas as tardes do vindeiro mes con tres obradoiros infantís de dúas horas de duración (de 17 a 19 horas) co obxecto de estimular as aptitudes artísticas dos pequenos e pequenas, á vez que animalos a experimentar coa creatividade e imaxinación deles e das súas familias, como é no caso de Xardíns Portátiles e Poesía Visual. Mentres que o terceiro taller, Debuxando o Gaiás, vai dirixido aos rapaces, neste caso entre 8 e 11 anos, sen a participación de adultos que os acompañen.

 

Tres obradoiros vinculados ás exposicións

Vinculado á exposición Da árbore á cadeira celebrarase o obradoiro Xardíns Portátiles, que contará con dúas sesións, o 2 e o 16 de setembro. Dirixido a nenos, entre 5 e 9 anos, este taller creativo centrarase nas características da paisaxe galega. Así, durante a actividade, daranse a coñecer as plantas que saen espontaneamente no monte Gaiás, en particular aquelas que poden ser reempregadas pola súa función ornamental.

O desafío proposto neste obradoiro familiar é o de utilizalas para construír xardíns ornamentais. Para iso, os participantes aprenderán a saber identificalas; como reproducilas; e que tipo de coidados necesitan. Cada participante creará o seu propio xardín portátil, que levará para a súa casa para aprender e gozar do seu coidado.

O obradoiro Poesía Visual contará cunha única sesión, o 9 de setembro, e está dirixido a cativos, de entre 7 e 10 anos de idade, cun titor responsable. A través de dúas figuras senlleiras da cultura galega como Uxío Novoneyra e Antón Lamazares, reunidos na excepcional mostra Flor Novoneyra, os máis pequenos e pequenas da casa vanse converter durante unha tarde en poetas e artistas. Como resultado do obradoiro, cada participante producirá o seu propio Lamazares, un poema visual escrito en Alfabeto Delfín, un código inspirado no abecedario occidental creado polo pintor de Lalín en homenaxe ao seu pai e utilizado en todas as facianas da súa vida e obra desde 2012.

As dúas sesións de Debuxando o Gaiás serán os derradeiros obradoiros de Findes na Balea de setembro e celebraranse os sábados 23 e 30. Dirixido a rapaces entre 8 e 11 anos, neste caso xa sen acompañantes, está vinculado á exposición Da árbore á cadeira.

Trátase dunha actividade lúdica na que os e as participantes pasarán dúas horas en contacto coa natureza, sempre que o tempo o permita. No caso de non poder saír fóra, os rapaces terán a posibilidade de traballar en contacto directo coas pezas das exposición debuxando nas propias salas do Museo Gaiás e reinterpretando os materiais expostos nas salas.

A dinámica do obradoiro pasa por un rápido percorrido pola exposición Da árbore á cadeira, centrándose en como os diferentes artistas plasman as árbores e os bosque; ensinándolles solucións técnicas que despois poderán empregar dun xeito práctico nos seus traballos; para inmediatamente proceder ao debuxo dos elementos naturais do exterior ou do interior.

As cinco sesións destes tres obradoiros de Findes na Balea contan cunha entrada individual de tres euros, con posibilidade de ofertas e descontos para colectivos especiais que se poden consultar en na páxina web da Cidade da Cultura. As entradas están á venda no Museo Centro Gaiás, no portal web de Ataquilla (+gastos de xestión) e nos puntos físicos que Ataquilla dispón en varias cidades galegas.

Comparte