Nova: O festival Espazos Sonoros abre a inscrición para a ruta dos muíños de Vilasantar e o obradoiro de música antiga

21/08/2017
O festival Espazos Sonoros abre a inscrición para a ruta dos muíños de Vilasantar e o obradoiro de música antiga
As persoas interesadas en participar nas primeiras actividades da décima edición do ciclo poderán inscribirse ata o 30 de agosto
O achegamento ao patrimonio a través da música é o principal obxectivo deste programa da Consellería de Cultura e Educación, que se celebra do 2 de setembro ao 15 de outubro nos concellos de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2017.- Espazos Sonoros abre o prazo de inscrición para participar nas primeiras actividades da décima edición do festival. Trátase, por unha banda, da ruta polos muíños do río Gándaras, no municipio de Vilasantar, unha iniciativa que terá lugar o 2 de setembro e que se completa cun obradoiro de agricultura ecolóxica, nunha xornada que rematará co concerto inaugural do ciclo, dedicado á música do Barroco. Por outra banda, está o obradoiro de música antiga, o domingo 3 de setembro no mosteiro de Sobrado dos Monxes, e que este ano estará dedicado á danza no Renacemento.
As persoas interesadas en participar nestas actividades, de carácter gratuíto e dirixidas a todos os públicos, poderán inscribirse ata o vindeiro 30 de agosto en actividades@espazossonoros.org
Paisaxe, agricultura ecolóxica e música do Barroco
A xornada inaugural do festival Espazos Sonoros, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria baixo a dirección artística de Belén Bermejo, terá lugar o sábado 2 de setembro no concello de Vilasantar. Comezará pola mañá cun percorrido pola ruta dos muíños, caracterizada por unha gran beleza paisaxística e natural. Pola tarde, logo do xantar, terá lugar unha visita á granxa ecolóxica Millo e Landras, onde as persoas asistentes poderán participar da experiencia da elaboración de queixo artesán do país. O ramo á xornada poñeranllo os virtuosos Marco Ambrosini (viola de chaves contralto), Angela Ambrosini (viola de chaves soprano) e Eva-Maria Rusche (clave), que farán un percorrido polas músicas de compositores italianos, españois, centroeuropeos e ingleses do Barroco na igrexa de Santa María de Mezonzo.
A danza no Renacemento
Ao día seguinte, o 3 de setembro a partir das 16,30 horas, desenvolverase o habitual espazo de achegamento á música antiga, cun obradoiro no mosteiro de Sobrado dos Monxes dedicado ao mundo da danza histórica, no contexto do panorama musical do Renacemento. Pablo Ruibal, Eva-Maria Rusche, Angela e Marco Ambrosini, e Víctor Blanco serán os encargados de impartir o obradoiro, moderado por Andrés Díaz.
Previamente, ás 15,30 horas, as persoas participantes no obradoiro de achegamento á música antiga poderán asistir a unha visita guiada polo mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes, para coñecer os seus claustros, a igrexa barroca coa súa profusa decoración en pedra, as súas capelas e a sancristía, a antiga cociña abovedada e presidida por unha gran cheminea e a sala capitular, na que terá lugar o propio obradoiro.
Espazos Sonoros: música e patrimonio
O festival Espazos Sonoros celebrará do 2 de setembro ao 15 de outubro de 2017 a súa décima edición cun programa de nove concertos en lugares de especial interese cultural de Vilasantar, Sobrado dos Monxes, Arbo, Montederramo, Palas de Rei, A Pontenova, Caldas de Reis, Lourenzá, Ourense e Baiona. Igrexas, muíños, castelos, mosteiros e fornos destes municipios serán os escenarios da nova programación deste ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que xa pode consultarse en no portal web da Axenda Cultural e no do festival.
Artistas galegos e internacionais
Intérpretes e grupos galegos e internacionais conforman o cartel da décima edición do festival. A música antiga da recoñecida Austrian Baroque Company, de Marco e Angela Ambrosini, e Eva-Maria Rusche; do grupo Favola d’Argo, do catalán Xavier Díaz-Latorre e de Manseliña; xunto coa música para guitarra do século XX de Samuel Diz, o repertorio tradicional galego de Xesús Vaamonde e de Xosé Lois Romero, e mais un programa de música de salón do XVIII que recuperarán o pianista Alejo Amoedo e a soprano Susana de Lorenzo centran as propostas musicais de Espazos Sonoros 2017, que inclúe unha rolda pola paisaxe organística do Camiño do Norte ao seu paso polos municipios lucenses de Vilalba, Mondoñedo e Lourenzá.