Nova: O novo libro de Armando Vázquez reflicte a historia da parroquia de Bermés

14/08/2017
O novo libro de Armando Vázquez reflicte a historia da parroquia de Bermés
O escritor e investigador dezao presentou o seu último traballo ‘Unha historia de Bermés. A memoria de xentes e tempos idos’
Lalín (Pontevedra), 14 de agosto de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou esta tarde na parroquia lalinense de Bermés na presentación do novo libro do escritor e investigador dezao Armando Vázquez, que leva por nome Unha historia de Bermés. A memoria de xentes e tempos idos.
O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, oriúndo da zona, reivindicou a historia de Bermés, unha terra de fortes raíces bandísticas e culturais e de personaxes ilustres como o Matemático Rodríguez, entre outros. Tamén resaltou a capacidade dos veciños e veciñas da parroquia para ver na educación a clave do seu futuro. “Todas as familias séntense orgullosas de ter fillos con estudos, sobre todo, mestres e profesores”, remarcou. Agora, toda esta historia vese reflectida nun libro que “contribúe a divulgar a nosa parroquia e agranda as fontes documentais sobre a comarca de Deza”, afirmou.
Neste sentido, Román Rodríguez definiu a publicación como unha “garantía” de que non se perdan nomes característicos e distintivos da rica microtoponimia da zona, así como dunha gran oportunidade para coñecer máis sobre a historia da parroquia. De feito, o libro ofrece datos sobre a historia do monte Carrio, da Pena Cabalada, dos xacementos arqueolóxicos achados, da igrexa parroquial ou de persoeiros destacados nacidos en Bermés como o propio Matemático Rodríguez ou o filólogo Javier Rodríguez Gil.
Neste contexto, o conselleiro quixo lembrar as fortes vinculacións entre o Matemático de Bermés e o xeógrafo Domingo Fontán, de quen foi mestre. E así mesmo, lembrou que foi o ilustre veciño quen estableceu o centro de Galicia na Fonte Castiñeiroa.
Por tanto, e tal e como salientou Román Rodríguez, “Armando ten unha enorme valía, porque fai algo moi importante: que nos sintamos orgullosos do que nos é máis próximo”. Ademais, tamén quixo agradecer o labor de todas aquelas persoas que fixeron posible, coas súas contribucións, sacar adiante esta obra.