Nova: A Laxe dos Campiños e o Merlón do Castelo da Lúa, en Rianxo, xa son Bens de Interese Cultural

06/08/2017

A Laxe dos Campiños e o Merlón do Castelo da Lúa, en Rianxo, xa son Bens de Interese Cultural

Os dous elementos están custodiados no Auditorio Municipal da localidade

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2017.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170803/AnuncioG0164-210717-0004_gl.html ) a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia de dous bens custodiados no Auditorio Municipal de Rianxo, nomeadamente a laxe decorada da necrópole dos Campiños e o merlón con escudo dos Soutomaior do Castelo da Lúa. Deste xeito ambos os dous elementos quedan inseridos no catálogo correspondentes ao seu nivel de protección ope legis.

Neste sentido cómpre sinalar que a laxe é por si mesma un ben de interese cultural en aplicación do artigo 94.2 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que establece que son BIC “as covas, abrigos e lugares ao aire libre que conteñan manifestacións de arte rupestre”. Da mesma forma, o merlón axústase ao indicado polo artigo 83.3 da mesma norma, que especifica que “os escudos elaborados con anterioridade a 1901 teñen a consideración de bens de interese cultural”.

A laxe decorada dos Campiños foi atopada como consecuencia da destrución parcial do túmulo 1 desta necrópole en 1982 e, unha vez comprobado o seu valor, trasladada ás dependencias do Concello de Rianxo. O elemento ten unha lonxitude de 220 centímetros por 90 centímetros de ancho e presenta gravados sobre ambas caras; liñas verticais, sinxelas ou agrupadas, liñas horizontais e un círculo, que representan unha novidade no seu conxunto. O seu marco orixinal foi a devandita necrópole, sita no extremo sur do monte de Lioira, que estaba composta por un total de seis túmulos.

No que atinxe ao merlón, foi atopado nas remocións de terras realizadas con motivo das obras do paseo marítimo que afectaron ao Castelo da Lúa e foi depositado nas dependencias municipais a finais de 1999. Trátase dun elemento singular típico da arquitectura militar medieval, correspondente a cada un dos saíntes verticais e rectangulares dispostos a intervalos regulares que coroan os muros perimetrais de castelos ou torres. A peza ten unhas dimensións de 80 centímetros de lonxitude, por 75 centímetros de anchura e 24 de grosor, e foi elaborada en granito local de boa calidade. O merlón, que pertencería á muralla ou á torre da homenaxe do Castelo da Lúa, presenta en relevo o escudo de armas dos Soutomaior na súa cara exterior, cunha decoración de nove filas xaqueladas e orla simple.

 

Comparte