Nova: O Castro de Doade, un referente na compilación de datos do rural galego

05/08/2017
O Castro de Doade, un referente na compilación de datos do rural galego
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Educación, visitou a sala de arqueoloxía deste centro, onde se presentaron os resultados da terceira campaña de escavación arqueolóxica
O departamento de Cultura da Xunta ten investido 20.000 euros en traballos deste tipo neste xacemento
Lalín (Pontevedra), 5 de agosto de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o Museo Etnográfico Casa do Patrón, en cuxa sala de arqueoloxía se presentaron os resultados da terceira campaña de escavación realizada no Castro de Doade, que sinalou como un referente na recompilación de datos sobre o rural galego. Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta Galicia salientou que o Museo ten realizado un importantísimo traballo para a posta en valor do patrimonio arqueolóxico no ámbito do rural, “non só dezán ou pontevedrés, senón galego”.
Román Rodríguez quixo felicitar ao equipo da Casa do Patrón e aos arqueólogos participantes nesta terceira campaña —5 alumnos do máster de arqueoloxía da USC e da UVigo e 5 arqueólogos profesionais— polo minucioso traballo realizado, grazas ao que podemos coñecer detalles sobre a vida dos nosos antepasados. “Coñecer o pasado —dixo— é necesario, posto que sen ese pasado non poderiamos entender o noso presente e futuro”.
Así mesmo, o conselleiro quixo salientar a importancia da colaboración institucional neste tipo de iniciativas. Non en balde, esta campaña contou co apoio de Agader, mentres que no 2016 a Consellería de Cultura e Educación achegou 20.000 euros para afondar na investigación deste xacemento lalinense.
Ampliación da sala
A exhibición dos achádegos da terceira campaña coincide coa ampliación, a través da exhibición dos restos da campaña de 2016, da sala de arqueoloxía Aurelia do Castro de Doade, inaugurada o ano pasado no Museo como un proxecto pioneiro para a posta en valor do patrimonio local. Nun primeiro momento o espazo contaba con máis de 3500 pezas expostas, atopadas en anteriores intervencións, aos que agora se sumarán os restos mais relevantes entre os 7636 localizados na campaña 2016, que acaban de ser entregados ao Museo polos arqueólogos, unha vez catalogados e estudados. Trátase de pezas datadas entre os séculos V a. de C. e o século II d. de C., das que as máis relevantes, unha ola de cerámica indíxena íntegra, dúas fíbulas e outros materiais de bronce, foron totalmente restauradas.
Posteriormente, tamén se catalogarán as pezas achadas en 2017, que se cifran en varios milleiros, aínda sen clasificar, e entre as que cabe destacar algunhas que evidencian claros signos da romanización do Castro, como son fragmentos de Terra sigilata hispánica, fíbulas Aucissa, vidros, cravos, restos de ánforas béticas, etc.
Terceira campaña
Esta terceira campaña levada a cabo no Castro de Doade en 2017 consistiu na localización de dúas estruturas habitacionais. Unha delas é unha vivenda redonda, executada cunha construción mixta de chantos en muro de mampostería, que posteriormente foi anulada por outra de maior tamaño atopada na campaña anterior, pasando a realizar a función de construción adxectiva auxiliar da mesma, coa colocación de varios postes de madeira para soster o seu tellado.
A outra construción, laxada de pedra, co tellado apoiado en polo menos nove postes de madeira e bases de paredes de chantos de pedra, podería ter sido utilizada como almacén.
O conxunto formado por estas construcións, que formaba parte do nutrido poboado existente na Aurela de Doade hai mais de 20 séculos, quedou totalmente consolidado e pódese visitar desde o pasado mes de xuño.
Por outra banda, realizáronse traballos de escavación no exterior da muralla dos que se conclúe que se trataba dunha construción de gran tamaño un recheo de terra e pedra duns 6 metros de ancho, soportado por dous muros pétreos, interno e externo. Neste sentido descubriuse un dobre foso moi profundo e consistente, un achado que se considera moi importante, dada a magnitude e claridade do foso, por ser construído totalmente na rocha nai. Tras a cata realizada o foso foi protexido e poderá ser contemplado nas correspondentes láminas informativas que se exporán no castro.
Colaboración da Consellería
A colaboración da Consellería con Museo Etnográfico Casa do Patrón non se limita á devandita achega. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autoriza, de feito, o depósito das pezas na sala de arqueoloxía, e o servizo de Museos prestou tamén asesoramento técnico. Adicionalmente, o Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) ten en depósito no Museo Etnográfico Casa do Patrón un total de 74 pezas entre fondo material e pezas bibliográficas coas que se recrean aulas históricas.
Ademais, Cultura e Educación e o museo teñen un protocolo de colaboración co fin de difundir e potenciar a etnografía e tradicións galegas entre o alumnado desde o propio complexo centro. Así, a asociación ofrece visitas guiadas aos escolares polos tres edificios dedicados á exposición permanente, constituída por máis de 4.500 pezas que representan profesións tradicionais.
Finalmente, tamén ao abeiro deste proxecto, desenvólvense diferentes actividades formativas dirixidas ao alumnado das distintas etapas educativas, así como labores de difusión dos traballos tradicionais e accións que axuden a complementar a formación do profesorado neste eido.