Nova: A Federación de Bandas de Música Populares renova as axudas para o seu certame e concurso de composición

02/08/2017
A Federación de Bandas de Música Populares renova as axudas para o seu certame e concurso de composición
O director da Agadic e o presidente da FGBMP asinaron hoxe o convenio a través do que se apoian con 70.000 euros as principais actividades de formación e divulgación desenvolvidas por este colectivo
A convocatoria para participar no XI Certame Galego de Bandas de Música está aberta ata o 18 de agosto
Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2017.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria renova a súa colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) para apoiar o labor anual desenvolvido polo colectivo, que reúne preto dun cento de formacións das catro provincias. Entre as actividades programadas en 2017, destacan a organización do XI Certame Galego de Bandas de Música Populares e do X Concurso Galego de Composición.
Así figura no convenio asinado hoxe na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, polo director da Agadic, Jacobo Sutil, e o presidente da federación, Armando Morales. Mediante este acordo, a Xunta destina 70.000 euros a impulsar o traballo de formación instrumental e de divulgación musical que realizan en Galicia este tipo de formacións, ao tempo que se lle recoñece ao colectivo o seu papel a prol da cultura musical galega.
Convocatoria aberta
O texto refírese as iniciativas máis sobresaíntes da federación, entre as que o Certame Galego de Bandas de Música se sitúa como un evento xa consolidado, que reúne cada ano preto de mil músicos de toda Galicia, moitos deles mozas e mozos que garanten o futuro do movemento bandístico na nosa Comunidade. As agrupacións federadas teñen de prazo ata o vindeiro día 18 de agosto para solicitar a súa participación na décimo primeira edición deste certame, que terá lugar no Auditorio de Galicia de Santiago os días 25 e 26 de novembro.
De entre todas as inscritas, elixiranse un máximo de 18 bandas, que serán divididas en tres apartados segundo o número de participantes: sección primeira (máis de 71 músicos), sección segunda (de 51 a 70 músicos) e sección terceira (ata 50 músicos). As formacións seleccionadas implicarase, ademais, na difusión do evento a través de cadanseu concerto promocional entre agosto e setembro.
En canto ao Concurso Galego de Composición para Bandas de Música e Sección Sinfónica, o obxectivo é cubrir a escaseza de repertorio musical de autoría galega para ser interpretado especificamente por este tipo de agrupacións.
As pezas gañadoras desta décima edición serán estreadas e executadas no Certame Galego de Bandas de Música de 2018. De feito, no deste ano serán executadas tres obras premiadas en 2015 e 2016: "Á maneira dos aires rapsódicos", de José Ignacio Blesa Lull, e Areal da Alba e "O nubeiro", ambas de de Esteban Zapata Blanco.
O prazo de presentación de obras manterase aberto ata o 24 de setembro. As composicións deberán ser orixinais e inéditas, versar sobre temática galega ou aludir no seu título a aspectos da cultura galega.
O ditame do xurado darase a coñecer o 26 de novembro, coincidindo co acto de clausura do XI Certame Galego de Bandas, no que se lle entregarán tamén os diplomas aos compositores premiados.