Nova: O ciclo 'Monumenta. Andar con arte' inicia a súa quinta edición cunha xornada dedicada a Domingo Fontán

02/08/2017

O ciclo 'Monumenta. Andar con arte' inicia a súa quinta edición cunha xornada dedicada a Domingo Fontán

A primeira sesión, o sábado 5 de agosto, seguirá os pasos do ilustre xeógrafo pola capital de Galicia, con paradas na igrexa de Bonaval, na Facultade de Xeografía e Historia, na praza da Quintana, en San Xerome e Fonseca, ata chegar ao Pedroso

O día 6, a cita será en Allariz, arredor dos cultos en Santa Mariña de Augas Santas

O prazo de inscrición para participar nas dúas andainas remata o día 4 de agosto

O programa promovido pola Consellería propón tamén este ano vivencias singulares do patrimonio cultural e natural nos concellos de Mondoñedo, Chantada, Valga, Camariñas, Redondela e Nogueira de Ramuín

 

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2017.-  O ciclo "Monumenta. Andar con arte" inicia na fin de semana a súa quinta edición cunha xornada que ten como protagonista a Domingo Fontán. A sesión do sábado 5 de agosto, que se presenta baixo o título "Dous séculos do rostro de Galicia", desenvolverase en Santiago de Compostela, onde seguirá os pasos do ilustre xeógrafo, autor do primeiro mapa topográfico científico do territorio de Galicia.

As persoas inscritas na andaina, que arrancará ás 10:30 horas no Museo do Pobo Galego, terán ocasión de ir descubrindo distintas vertentes da figura de Fontán a través de lugares clave da súa vida e obra, como o Panteón de Galegos Ilustres, a Facultade de Xeografía e Historia, a Praza da Quintana, o Colexio de San Xerome ou o Claustro de Fonseca. Logo desta primeira parte centrada nunha ruta urbana, a xornada proseguirá por vías rururbanas e un camiño forestal de ascenso ata o monte Pedroso.

Camiñantes convidados

Para afondar na descuberta de Domingo Fontán e do patrimonio cultural da capital galega, a xornada contará con dous camiñantes convidados: Juan López Bedoya, xeógrafo formado na Universidade de Santiago de Compostela, e Manuel Anxo Freire Boado, cartógrafo, que fará un transepto de medicións con distintos aparatos que recrearán parte do traballo científico de Domingo Fontán.

Os cultos en Santa Mariña de Augas Santas

Ao día seguinte, o domingo 6 de agosto, Monumenta chegará ao municipio ourensán de Allariz, onde se desenvolverá a xornada Os cultos en Santa Mariña de Augas Santas. A sesión xirará arredor desta igrexa, cuxa contorna foi declarada Monumento Histórico-Artístico no ano 1931. Santa Mariña de Augas Santas constitúe un centro cultural desde hai máis de 2000 anos, no que conflúen os restos arqueolóxicos e históricos, a toponimia e a memoria oral dos veciños da parroquia.

Nesta ocasión, os camiñantes convidados serán Rebeca Balnco-Rotea e Patricia Mañana Borrazás, que participaron nos estudos sobre o conxunto de Santa Mariña de Augas Santas consistente no levantamento topográfico e na lectura estratigráfica de alzados da basílica da Asunción e do forno da Santa.

As persoas interesadas en participar en ambas as andainas, axeitadas para todos os públicos, deben inscribirse na web https://monumentagalicia.com.

Todas as andainas, na Axenda de Cultura de Galicia

Nas fins de semana do 5 ao 27 de agosto, Monumenta achegarase aos concellos de Santiago de Compostela, de Allariz, de Chantada, de Valga, de Mondoñedo, de Camariñas, de Redondela e de Nogueira de Ramuín a través do seu patrimonio arquitectónico, natural, arqueolóxico e paisaxístico.

Na edición deste ano, boa parte das camiñadas programadas nos diferentes municipios seguen itinerarios xa andados previamente por figuras singulares, tanto de Galicia como de orixe foránea. Xunto con Fontán, comparten protagonismo no ciclo o musicólogo Alan Lomax, a fotógrafa Ruth Matilda Anderson e o folclorista e investigador Casto Sampedro

A figura do afiador dos Peares, a paisaxe sonora mindoniense, os morcegos da igrexa de Santa María de Pesqueiras, o xacemento de Mercado dos Mouros e os miradoiros de Camelle son algúns dos principais atractivos para a participación nas xornadas do ciclo, para o que se precisa inscrición previa na web https://monumentagalicia.com.

A través do portal www.cultura.gal, pódense consultar todas as actividades da programación na Axenda de Cultura de Galicia.

 

Comparte