Nova: Viveiro convértese no gran escaparate da cultura en Galicia coa 39ª edición da Mostra Folklórica Internacional

01/08/2017
Viveiro convértese no gran escaparate da cultura en Galicia coa 39ª edición da Mostra Folklórica Internacional
A cita terá lugar os días 3, 4, 5 e o 6 de agosto e levará a Viveiro a sete grupos folclóricos de distintos países
Lugo, 1 de agosto de 2017.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu esta mañá a presentación da Mostra Folklórica Internacional, unha cita que ao longo das súas trinta e nove edicións converteuse, en palabras de José Manuel Balseiro, “nun dos máis importantes escaparates de cultura, da danza, do arte e da tradición en Galicia”.
O programa deste ano contempla un amplo número de actividades que se desenvolverán durante catro días —os vindeiros 3, 4, 5 e o 6 de agosto—. O domingo será a quenda do peche estelar que sempre se corresponde coa Gran Gala Internacional da Mostra, todo un espectáculo que achega a Viveiro as diferentes culturas do mundo.
Durante a presentación da Mostra, ademais do delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que fixo de anfitrión, tamén participaron membros do colectivo organizador como a presidenta de Bágoas da Terra, María Carmen López (Chipe) ou Xulio Xiz (presentador da gala), ademais da alcaldesa da localidade, María Loureiro.
Gran potencial cultural, turístico e económico
Balseiro puxo en valor que, como non podía ser doutro xeito, a Xunta está comprometida e apoia a Mostra —a través da Consellería de Cultura— e faino baixo o convencemento do potencial cultural, turístico e económico que ten para Viveiro e para o conxunto da comarca e da provincia.
Pero ademais o delegado territorial da Xunta destacou que só hai tres festivais culturais en toda España que conten co aval e o apoio do Ministerio de Cultura e un deles é a Mostra Folklórica de Viveiro, o que amosa a magnitude da importancia dun evento que cada ano reúne no seu día grande a unhas 5.000 persoas na praza maior de Viveiro.
Actuacións de sete grupos folclóricos nacionais e internacionais
A Gran Gala do domingo é o prato forte deste evento, tendo en conta ademais que a entrada é libre e de balde ata completar aforamento, onde se habilitiará un espazo especialmente destinado para persoas con mobilidade reducida.
Nesta edición contan coa actuación de sete grupos folclóricos. Desde o internacional Ballet de la Universidad de Colima de México; ata Song And Dance Ensemble Bielsko de Polonia; continuando polo Grupo Etnográfico Da Areosa de Portugal ou o Ballet Carmen López de Colombia.
Xa no ámbito nacional están previstas as actuacións dos Coros y Danzas de Granada e dos Coros y Danzas Jovellanos de Xixón; ademais da actuación do grupo anfitrión, Bágoas da Terra, de Viveiro.
Música na rúa e Mostra Infantil
Pero ademais o programa contempla outras moitas propostas, desde exposicións de pintura ata audicións musicais polas rúas e prazas de Viveiro, xa que logo os corpos de música participantes ofrecerán concertos de música tradicional dos seus respectivos países, como xeito de achegarse máis ao pobo e que este aprecie de primeira man as súas músicas e cantos.
O xoves 3 de agosto, ás 20:30h. na Praza Maior, ten lugar un dos eventos recibidos con maior agarimo, a Mostra Folklórica Infantil que nesta ocasión contará coa participación do grupos Cacharelas E Galochas de Saiñas de Xove; do grupo Mistura de San Cibrao, da ACR Os do 21 de O Vicedo; do grupo Xilbarbeira de Boiro; do grupo infantil de Bágoas da Terra: Bazar, Pindusa e Ledaiña; e como convidado especial da Asociación Maura Xeva de Xixón, Asturias.