Nova: Cultura inviste na restauración da igrexa do Porto, en Marín

22/07/2017
Cultura inviste na restauración da igrexa do Porto, en Marín
O conselleiro Román Rodríguez visitou o templo para ver in situ o avance dos traballos, que se centran na cuberta e na fachada do templo
Marín (Pontevedra), 22 de xullo de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a igrexa de Santa María do Porto, en Marín (tamén coñecida como Igrexa Vella), para comprobar in situ o desenvolvemento das obras de restauración que se están levando a cabo neste templo por un importe de preto de 61.000 euros.
O conselleiro estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e pola alcaldesa da localidade, María Ramallo.
A través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a Consellería de Cultura e Educación está a executar unha serie de traballos para a mellora desta igrexa, que se centran principalmente nas zonas da cuberta e da fachada. O obxecto desta actuación é eliminar as filtracións de auga nas mencionadas zonas e, deste xeito, mellorar a ventilación do templo e, por tanto, as condicións ambientais do seu interior.
A intervención abrangue o levantado da tella actual e a reparación de xuntas e limas de cuberta mediante lámina de chumbo, a reparación dos aleiros, a impermeabilización do piso exterior do campanario, a substitución de carpinterías de formigón por outras de aceiro inoxidable con ventilación permanente e o rexuntado dos zócalos das fachadas con morteiro de cal.
As obras iniciáronse a principios de xuño e está previsto que estean totalmente rematadas no mes de setembro.
De estilo barroco, a Igrexa Vella de Marín data do século XVIII e foi mandada construír polo Priorato de Oseira. Desde a súa edificación ata hoxe o templo foi sometido a diversas ampliación ata o remate definitivo coa construción da actual fachada e campanario. No seu interior alberga seis retablos, de estilos barroco e neoclásico.
A igrexa é un inmoble incluído no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia polo que, trala en vigor da nova Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, pasou a formar parte do Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, o que denota o seu notable valor.