Nova: Do Audible regresa con novas propostas de expresión artística para a música contemporánea

01/06/2017
Do Audible regresa con novas propostas de expresión artística para a música contemporánea
Nesta quinta edición incluirá catro concertos arredor da arte xaponesa da caligrafía, da auga, da evolución das especies e dos instrumentos, e das posibilidades sonoras do corpo
A programación, de entrada gratuíta, arrancará o 9 de xuño en Pontevedra, cunha estrea mundial do compositor Toshio Hosokawa. Seguirá en Xinzo de Limia o 21 de xuño e en novembro chegará á Coruña e a Lugo
Cultura e Vertixe Sonora propoñen con esta iniciativa a apertura de novos horizontes para as novas linguaxes de expresión a través do son
Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2017.- O ciclo de música Do Audible chega á súa quinta edición con novas propostas que poñen en diálogo as distintas vertentes da creación e do pensamento contemporáneos. A arte xaponesa da caligrafía, a auga, a evolución das especies e dos instrumentos, e as posibilidade sonoras do corpo centran as catro sesións que ofrecerá o programa este ano, nos meses de xuño e de novembro, en Pontevedra, en Xinzo de Limia, na Coruña e en Lugo, para o que contará coa participación de músicos e de expertos de diversas disciplinas, tanto galegos como internacionais.
“Estes campos suxestivos permitirannos mergullar en conceptos creativos dos que pode emerxer a creación musical contemporánea”, afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación desta programación promovida polo seu departamento e por Vertixe Sonora Ensemble. A agrupación estivo representada no acto polo seu director artístico, Ramón Souto, e polo músico David Durán, que interpretou unha peza ao piano.
Novos camiños de creatividade
Segundo explicou o secretario xeral, “con este ciclo pretendemos contribuír á apertura de novos horizontes arredor da música de hoxe nun sentido amplo”, ao tempo que salientou o interese de contarmos con “espazos de exploración e de busca de novos camiños de creatividade e de construción cultural”. “Ademais, procuramos que o ciclo se desenvolva en espazos diversos, tanto no aspecto xeográfico como no contedor no que mostralos, o que condiciona tamén a escoita e a vivencia musical”. Con este fin, ofrécense concertos nas catro provincias, con sesións na basílica de Santa María a Maior, en Pontevedra; no Museo Galego do Entroido, en Xinzo de Limia; no paraninfo do Reitorado da Universidade da Coruña e na Casa do Saber, en Lugo, todas elas ás 20:30 horas.
Finalmente, expresou o seu desexo de que o ciclo “consiga, un ano máis, captar novos públicos arredor destas novas linguaxes e que, neste camiño de futuro, vaiamos vendo como asentan estas linguaxes creativas e como pasan a formar parte da vivencia cultural cotiá dunha cidadanía aberta e interesada en ampliar as súas experiencias culturais”.
Caligrafía, música e videocreación no concerto inaugural
A quinta edición do ciclo Do Audible arranca o 9 de xuño na Basilica Santa María a Maior de Pontevedra. Xapón e a arte da caligrafía motivan esta primeira sesión, Caligrafía do son, que
conta coa presenza da performer e calígrafa nipoa Aoi Yamaguchi, que estará acompañada do traballo en videocreación da colaboradora de Vertixe Sonora Masako Hattori. O concerto ofrecerá varias presentacións históricas do compositor Toshio Hosokawa, recoñecido pola súa fusión da música clásica tradicional coa estética oriental: dúas estreas en España, a reestrea dunha partitura de 1981 –perdida e recentemente recuperada–, e a estrea mundial de Souvenir aus Japan.
Auga e zooloxía
Do Audible continuará en Xinzo de Limia o 21 de xuño. O Museo Galego do Entroido acolle o concerto Memorias líquidas, coa presenza do percusionista brasileiro Luís Bittencourt nun espectáculo que amosará as capacidades da auga como instrumento musical. A peza que lle dá título ao programa, da autoría de Bittencourt e escrita para waterphone –instrumento acústico de percusión con auga no interior–, baséase no ritmo da danza suramericana coñecida como chacarera e inspírase no pensamento sobre a “sociedade líquida” de Zygmunt Bauman. Unha sorte de manifesto sonoro a prol da disolución das fronteiras que separan a música erudita contemporánea da música rexional gaucha.
Instrumentos híbridos e L´Imaginaire
A segunda quenda do ciclo terá lugar no mes de novembro, cos programas Hibridación, o día 7 no paraninfo da Universidade da Coruña, e Recoller cascallos, o día 23 na Casa do Saber de Lugo. O zoólogo Julio Parapar, profesor na Universidade da Coruña e participante nas expedicións da Antártida (Ventart 2003 e Ventart 2006), é o convidado no programa Hibridación. Unha proposta que, partindo da evolución animal, fará un paralelismo cos instrumentos híbridos como resultado de mutacións acústicas que nos acompañan desde a orixe dos tempos. O programa inclúe a peza Room & Elbow, de Abel Paul.
Para o último concerto, o 23 de novembro na Casa de Saber de Lugo, resérvase a que é unha das propostas máis representativas das novas formas de composición e interpretación: L'Imaginaire, procedente de Estrasburgo. O grupo traballa coas obras de compositores contemporáneos como o faría un comisario de arte, pensando os proxectos en detalle, para interpretalos da mellor maneira e integralos no seu repertorio. É un grupo no que os creadores atopan intérpretes entregados, dispostos a desenvolver novos conceptos musicais como parte dunha acción colectiva. O programa, Recoller cascallos, presenta por primeira vez en España a obra dos compositores Filippo Perocco, Andrea Sarto e Nicolas Mondon.
Vertixe Sonora
Vertixe Sonora Ensemble encárgase da dirección artística deste ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, e dos concertos que conforman o programa. A agrupación caracterízase pola promoción dos novos compositores así como polas colaboracións e traballo en rede con institucións nacionais e internacionais. Integrada por destacados solistas de música contemporánea de Galicia e de Portugal, Vertixe Sonora conxuga artistas sonoros, artistas plásticos, músicos de jazz, intérpretes clásicos e profesionais do teatro e da danza.
A programación do ciclo Do Audible 2017, de entrada gratuíta para todos os concertos e sesións previas ata completar a capacidade, está dispoñible na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal