Nova: O expediente de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra incoarase este verán

26/04/2017

O expediente de Ben de Interese Cultural da Ribeira Sacra incoarase este verán

Trátase dun procedemento administrativo complexo porque afecta a arredor de 20 concellos e debe servir como base para competir pola consideración como patrimonio mundial outorgada pola UNESCO

Santiago de Compostela, 26 de abril de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, explicou no Parlamento galego que a Xunta de Galicia ten previsto incoar o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) da Ribeira Sacra ao longo deste verán. Un procedemento administrativo que cualificou como moi complexo, tanto pola súa amplitude –afecta a arredor de 20 concellos–, como desde o punto de vista técnico, xa que debe servir como base para competir a nivel nacional e internacional pola consideración como patrimonio mundial outorgada pola UNESCO.

Así mesmo, o conselleiro agradeceu todas as declaracións de apoio á Ribeira Sacra e tamén o interese por dar un novo pulo aos traballos que se están a realizar desde a Consellería e apelou ao entendemento para dispor do tempo necesario para elaborar un expediente BIC que sexa “impecable no aspecto técnico” para que a candidatura da Ribeira Sacra poida “competir” con garantías perante a UNESCO.

Na súa intervención en sede parlamentaria, Román Rodríguez lembrou que desde o momento no que a Xunta recibiu a documentación de base para a candidatura da Ribeira Sacra –un amplo labor técnico coordinado polo Valedor canda as deputacións de Ourense e Lugo–, desde a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural estase a traballar naquelas partes do expediente de declaración que é preciso presentar ante o Centro de Patrimonio Mundial.

En concreto, falou de cinco liñas de traballo que se corresponden coa definición do Valor Universal Excepcional da Ribeira Sacra, a delimitación do territorio, os estudos comparativos das paisaxes culturais declaradas pola UNESCO que presentan un valor similar e poderían impedir a inclusión da Ribeira Sacra na Lista do Patrimonio Mundial, a elaboración da planimetría e as liñas mestras do plan de xestión.

Comparte