Nova: A Casa da Parra achégase á figura do historiador Aby Warburg a través da exposición colectiva Estruturas da memoria

14/04/2016

A Casa da Parra achégase á figura do historiador Aby Warburg a través da exposición colectiva Estruturas da memoria

Norberto González, Esperanza D´Ors, Xurxo Gómez Chao, Simón Zabell, Rocío Verdejo, Alina Granados, Juan Carlos Román, Elena Fernández Prada, Suso Fandiño e Olmo Blanco son os 10 recoñecidos artistas que participan na mostra

O centro expositivo de Cultura e Educación acolle ata o 14 de xuño esta mostra que aborda os fundamentos psicolóxicos e internos da creación artística
 

  • Imagen del historiador alemán Aby-Warburg
  • A Casa da Parra achégase á figura do historiador alemán Aby Warburg A Casa da Parra achégase á figura do historiador alemán Aby Warburg

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2016.- A Casa da Parra achégase á figura do historiador alemán Aby Warburg na súa nova exposición a través da obra de 10 recoñecidos autores e autoras do panorama artístico actual. Norberto González, Esperanza D´Ors, Xurxo Gómez Chao, Simón Zabell, Rocio Verdejo Alina Granados, Juan Carlos Román, Elena Fernández Prada, Suso Fandiño e Olmo Blanco participan nesta mostra colectiva comisariada por Fátima Otero e que se presenta baixo o título de ‘Estruturas da memoria’.

A mostra, que foi inaugurada esta tarde polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afonda na procura de fundamentos psicolóxicos e internos da creación artística, seguindo a idea de Warburg, que concibía a imaxe como un ben cultural, analizando e comparando construcións visuais de diferentes épocas.

Cada un dos artistas aporta na mostra a súa visión desa filosofía e ten a súa propia linguaxe persoal, que, en convivencia cos demais, propón un espazo de pensamento. Trátase de 10 artistas en plena madurez que reflexionan sobre os mitos, os soños ou os feitos máis cotiáns” e que ofrecen “propostas de diferentes sensibilidades, de diversas expresións conceptuais sobre como sentir e expresar as distintas manifestacións estéticas no terreo artístico”, afirmou o secretario xeral.

A idea de reunir neste proxecto expositivo unha serie de creadores actuais que traballan sobre o pensamento dunha figura que influíu na arte do século XX é o eixo central da mostra, que inclúe pintura, escultura, fotografía e instalación, e que se poderá visitar ata o vindeiro 14 de xuño na Casa da Parra.

A Casa da Parra
Localizada no centro histórico compostelán, ao pé da catedral de Santiago, a Casa da Parra que acolle a mostra posúe unhas especiais características arquitectónicas que potencian a diversidade dos proxectos, centrados fundamentalmente en programacións de produción propia de artistas galegos de vangarda ou de creadores foráneos vinculados con Galicia.

Desde a exposición do fotógrafo Xaquín Novoa en 1986 ata a actualidade, foron máis dun cento de exposicións as que converteron a Casa da Parra nun espazo de referencia para a arte desde a capital de Galicia, na emblemática praza da Quintana.
 

Comparte