Nova: A Xunta impulsa a celebración na Illa de San Simón dunha nova edición do Obradoiro de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’

27/09/2025

A Xunta impulsa a celebración na Illa de San Simón dunha nova edición do Obradoiro de Tradución Poética ‘Con barqueira e remador’

A iniciativa está coordinada pola poeta Yolanda Castaño e conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Este espazo volve converterse nun laboratorio creativo ao redor da diversidade e riqueza idiomática e cultural

O proxecto reúne, desde mañá e ata o 5 de outubro, seis poetas e tradutores dos países de Irlanda, Ucraína, A India, Eslovenia e das comunidades de Aragón e Galicia

Santiago de Compostela, 27 de setembro 2025

A Xunta de Galicia volve impulsar na Illa de San Simón a celebración do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con barqueira e remador, que conta co apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para converter este espazo nun laboratorio creativo ao redor da diversidade e riqueza idiomática e cultural desde mañá, domingo, ata o vindeiro 5 de outubro.

A décimo cuarta edición desta iniciativa volve estar coordinada, como todas as anteriores, pola poeta Yolanda Castaño, unha das voces poéticas en galego con máis recoñecementos  do noso país cos premios da Crítica e o Nacional de Poesía, entre outros moitos. Precisamente, tamén xestiona a Residencia Literaria 1863 da Coruña, na que colabora o Goberno galego.

No obradoiro desta edición participarán seis poetas e tradutores: Louis de Paor en irlandés, Halyna Kruk en ucraíno, a india Resham Ramesh en canarés, Veronika Dintinjana en esloveno, o Antonio Andreu Sanz en aragonés e Oriana Méndez en galego. O obxecto é converter esta experiencia nun viveiro creativo e de intercambio cultural e profesional recíproco que trasladará cada voz poética ao resto de linguas representadas.

Os talleres de tradución completarase con dous recitais poéticos abertos ao público, na cidade de Pontevedra, e un terceiro, na Asociación Évame Oroza, en Vigo, que permitirán dar a coñecer os resultados dos traballos de tradución desenvolvidos na Illa de Simón durante esta semana.

Comparte