Nova: Xunta e Deputación abordan co equipo de César Portela a futura obra do Teatro Cine Fraga

23/07/2025

Xunta e Deputación abordan co equipo de César Portela a futura obra do Teatro Cine Fraga

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, traslada que o Goberno galego prevé rematar a vindeira semana os pregos para que sexa o autor do proxecto orixinal e director da obra xa executada o que remate os traballos

O obxectivo é respectar a intervención xa realizada, e cuxos dereitos de propiedade intelectual corresponden ao equipo técnico de Portela, para converter o edificio nun espazo escénico, musical, audiovisual e literario de referencia no noroeste peninsular

Tirarase proveito dos 7.000 metros cadrados para ofrecer unha ampla programación que teña en conta as achegas da cidadanía ao longo do proceso participativo

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, mantivo hoxe unha reunión co equipo técnico de César Portela para abordar, en coordinación coa Deputación de Pontevedra, a futura obra do Teatro Cine Fraga de Vigo. No encontro, o conselleiro trasladou que o Goberno galego prevé rematar a vindeira semana os pregos da contratación para que sexa o arquitecto César Portela, autor e propietario intelectual do proxecto orixinal e director da obra xa executada, quen continúe coa tarefa de rematar os traballos do inmoble. 

No senso desta xuntanza, o representante do Executivo autonómico salientou que co inicio dos trámites para a terminación das obras, a Xunta de Galicia “cumpre con Vigo, unha cidade que está cada vez máis preto de poder contar cunha programación ambiciosa e de calidade”. Así mesmo, trasladou que o obxectivo de ambas as dúas administracións é “respectar a intervención realizada no proxecto orixinal facendo as actualizacións que sexan precisas”. 

Deste xeito, a finalidade é recuperar o edificio para transformalo nun espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción, experimentación e divulgación de contidos no eido escénico, musical, audiovisual e literario, ademais dun espazo museístico no que preservar, destacar e compartir os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema na cidade olívica e en Galicia. Para isto, tal e como puxo en valor López Campos, o Goberno galego e a Deputación de Pontevedra xa teñen deseñado o plan de usos destinado a converter este emblemático inmoble “nun referente de primeiro nivel no noroeste peninsular”. 

Por outra banda, lembrou que esta folla de ruta, coas liñas estratéxicas sobre os seus contidos e programación, ten en conta as “valiosas achegas e suxestións que recibimos por parte da cidadanía e a comunidade cultural a través da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, que incluíu reunións presenciais e unha caixa de correo virtual”. Así, ao abeiro destas propostas, prevese tamén a posta en marcha dunha ambiciosa programación que inclúe residencias artísticas, actividades e obradoiros, dirixidos á infancia e á mocidade que estimulen a creatividade e a experimentación, vencellados á escritura creativa, á composición musical e á produción audiovisual. Finalmente, a cafetería tamén contará cunha definición de usos específica, xa que ademais de servir de punto de encontro informal entre a cidadanía e este novo espazo cultural, vaise habilitar para determinados eventos e o desenvolvemento dunha programación concreta.

Comparte