Nova: López Campos destaca “o gran valor etnográfico, histórico e artístico” do Fondo Faustino Santalices

17/07/2025
López Campos destaca “o gran valor etnográfico, histórico e artístico” do Fondo Faustino Santalices
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa no acto de recepción desta colección doada ao Museo do Pobo Galego, onde agradece a “xenerosidade da familia de quen foi un gran conservador do noso patrimonio musical”
Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe no acto de recepción do Fondo Faustino Santalices, conservado polo seu fillo e doado ao Padroado do Museo do Pobo Galego polas súas netas co obxectivo de “facer accesible ao público unha singular colección de gran valor etnográfico, histórico e artístico”, tal e como apuntou o representante da Xunta.
Neste senso, López Campos agradeceu “a xenerosidade coa sociedade galega da familia de quen foi investigador, divulgador, artesán, construtor de instrumentos e un gran conservador do patrimonio musical de Galicia”, sinalando a importancia de ceder este legado “a un dos principais centros divulgadores da nosa cultura”. Así, destacou a figura de Santalices “pola recuperación e conservación dun dos instrumentos musicais máis senlleiros como é a zanfona, tan vinculada ao Camiño de Santiago”, máis tamén, puntualizou, “pola súa forma desinteresada de traballar pola nosa cultura e por manter viva unha parte significativa da nosa identidade, a música tradicional galega”.
Deste xeito, o conselleiro de Cultura fixo fincapé na “oportunidade que se abre para o coñecemento cada vez que se poñen a disposición da cidadanía coleccións privadas”. Neste caso, entre os obxectos que forman parte do legado de Santalices atópanse seis gaitas feitas por el con incrustacións de óso ou marfil, dúas zanfonas, o seu traxe de galego, que é unha peza especial e diferente ás convencionais, cancioneiros, notas manuscritas, recortes de xornais, planos de instrumentos, ferramentas, o seu banco de traballo, ou reportaxes da época sobre as súas actuacións coa coral De Ruada.