Nova: López Campos define o Castelo Conta como “unha cita imprescindible para prestixiar e difundir a nosa tradición oral”

16/07/2025

López Campos define o Castelo Conta como “unha cita imprescindible para prestixiar e difundir a nosa tradición oral”

O representante autonómico de Cultura agradecou a implicación de profesionais como o actor Xosé Antonio Touriñán na organización desta iniciativa

Baixo o lema ‘Dez voltas ao sol’, o festival prepara unha edición con dez días de programación ininterrompida dende o venres 22 de agosto

A proposta forma parte da campaña ‘Para gustos, cultura’ que ten en marcha a Xunta con máis de 3.400 actividades este verán

Culleredo (A Coruña), 16 de xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na presentación da X edición do Festival Castelo Conta que definiu “como unha cita imprescindible para prestixiar e difundir a nosa tradición oral, ademais dunha poderosa ferramenta para a dinamización da nosa lingua”.

No acto, celebrado no campo da Capela de San Ramón, en Culleredo, o representante do Goberno Galego agradeceu a implicación de todos os voluntarios participantes, a Fundación Castelo Conta e profesionais como o actor Xosé Antonio Touriñán, principal impulsor desta iniciativa, aos que se referiu como “o motor que leva a que Galicia e a súa cultura siga crecendo con forza e sexa referente alén das nosas fronteiras”.

A X edición do Festival Castelo Conta, que se celebrará en Culleredo desde o venres 22 ata o domingo 31 de agosto, acollerá a artistas como Carlos Núñez, The Rapants, Sés, Xabier Díaz, Alana ou Carlos Blanco. Para os máis pequenos, haberá obradoiros, andainas polo monte e pequenos concertos. O festival tamén contará con encontros interxeracionais, gastronomía a cargo de cociñeiros referentes de Galicia, estreas de formato audiovisuais, espectáculos teatrais de pequeno formato e noite de comedia.

Nesta edición, estrearase un documental sobre regueifa, unha serie de animación infantil e presentarase unha publicación sobre a riqueza natural e antropolóxica do Monte Xalo, que será protagonista de parte da programación ao acoller un auditorio construído para a ocasión na parte máis alta do monte.

O titular de Cultura da Xunta tamén destacou que citas coma esta están enmarcadas dentro da programación do Para gustos, cultura que promove o Goberno galego, con máis de 3.400 actividades que chegan a máis de 200 concellos de toda a Comunidade. Comprende máis de 1.300 accións vencelladas a ciclos de artes escénicas, música, maxia, circo ou  produción audiovisual e 43 exposicións en museos e bibliotecas. Destacan as máis de 400 actividades organizadas ao redor de festivais musicais e doutra tipoloxía, así como programas xa consolidados como ‘Cultura no Camiño’.

Comparte