Nova: A Xunta inviste 30.000 euros nunha nova campaña de investigación no xacemento de Corro dos Mouros, en Lugo, que remata esta semana

16/07/2025
A Xunta inviste 30.000 euros nunha nova campaña de investigación no xacemento de Corro dos Mouros, en Lugo, que remata esta semana
O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a USC colaboran para seguir co estudo e documentación deste espazo
Este xoves haberá unha visita guiada ao xacemento, na que se presentarán os achados máis relevantes da actual intervención
Lugo, 16 de xullo de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) colaboran nunha nova campaña de investigación e documentación que se está a desenvolver no xacemento arqueolóxico de Corro dos Mouros, en Santa María Madanela de Adai, no municipio de Lugo, e que rematará este venres 18 de xullo.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que o Goberno galego destinou 30.000 euros para seguir avanzando no coñecemento deste espazo, unha estrutura singular cuxa construción corresponde ao final da Idade de Bronce.
Os traballos de campo comezaron o pasado 2 de xullo e incluíron tres sondaxes arqueolóxicas en diferentes sectores do xacemento, que suman arredor de 50 metros cadrados. Isto permitiu ampliar a superficie escavada no interior do recinto nas campañas de 2023 e 2024, coa finalidade de definir estruturas que quedaran parcialmente descubertas nesas intervencións. Tamén se acometeu a limpeza do muro exterior perimetral do lado norte, co propósito de completar o coñecemento das características da estrutura, e tratouse de atopar a posible entrada ao xacemento no seu lado sur. Na actual campaña, dirixida ao igual que nas fases anteriores pola profesora da USC María Pilar Prieto Martínez, lévanse rexistradas ademais arredor de 1.200 pezas arqueolóxicas.
Como remate desta actuación, este xoves ás 17.00 horas realizarase unha visita guiada ao xacemento, na que se poderán coñecer os achados máis interesantes.
O xacemento
Corro dos Mouros, tamén chamado O Castrillón, é un xacemento arqueolóxico tipo ‘roda’, que presenta unha forma en planta de tendencia circular delimitado por un parapeto ben definido en planta e altura, cunhas dimensións internas entre os 27 m (N-S) e 30 m (L-O) e unhas dimensións externas ao redor dos 52 metros de diámetro.
Cómpre destacar o seu bo estado de conservación, xa que o parapeto que delimita o recinto conserva unha altura que chega nalgúns sectores ata os dous metros e no seu interior non se observan alteracións salientables a nivel superficial.
Esta campaña dá continuidade ás realizadas nos anos 2023 e 2024, que permitiron caracterizar definitivamente o sistema defensivo perimetral, formado por un parapeto que consta dun muro interno moi ben conservado e un muro exterior practicamente desaparecido entre os cales existe un recheo de xabre de polo menos 3 metros de ancho.
Ademais, puido definirse o foxo exterior, duns 15 metros de ancho e sobre 2 metros de altura e caracterizado por ter un perfil en V con dous chanzos que suavizan lixeiramente a súa pendente. Tamén se levou a cabo unha prospección xeofísica coa finalidade de mellorar a delimitación do xacemento e determinar anomalías que sirvan para planificar futuras actuacións arqueolóxicas.
En canto á datación, as analíticas de carbono 14 realizadas sitúan a fase de construción deste espazo no século XIII antes de Cristo, continuando a súa ocupación nos séculos X e IX antes de Cristo.
Intervencións na provincia
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destinará este ano 350.000 euros á realización dunha vintena de intervencións en xacementos arqueolóxicos da provincia de Lugo. Trátase de accións realizadas en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, incluíndo tarefas que van dende escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións e labores de consolidación, ademais de traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, así como outras xestións precisas para a salvagarda do patrimonio.