Nova: A Xunta celebra no Cebreiro o IV Encontro Internacional de Cestería no Camiño

11/07/2025

A Xunta celebra no Cebreiro o IV Encontro Internacional de Cestería no Camiño

Na cita, que ten lugar esta fin de semana, participan máis de 15 artesáns galegos, nacionais e internacionais

A proposta, enmarcada na campaña de verán ‘Para gustos, cultura’, conta con actividades para todos os públicos entre as que destacan os encontros cos cesteiros ou os obradoiros

O Cebreiro (Lugo), 11 de xullo de 2025

O Museo do Castro de Viladonga, da Xunta de Galicia, celebra esta fin de semana no Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro o IV Encontro Internacional de Cestería no Camiño. Trátase dunha cita que reúne a máis de 15 artistas internacionais nun enclave único, nun lugar no que as técnicas cesteiras son piares básicos para os teitos das pallozas e que, ademais, é a porta de entrada do Camiño de Santiago en Galicia, o que fai que peregrinos e público gocen dunha experiencia multicultural e enriquecedora.

Así, durante o sábado 12 e o domingo 13 pódese gozar de actividades diversas cun nexo cesteiro en común para todos os públicos. Así, o sábado terá lugar unha demostración de diferentes materiais e técnicas co obradoiro E ti de quen vés sendo? Aprende a identificar madeiras xogando, e tamén se celebrará o concerto do grupo CLO PLAS. Xa o domingo está programada unha mesa redonda baixo o título Cestería: tecendo historia e futuro. Conectando o mundo, seguida da proxección do documental O latexo do tempo humano. Tres pezas, tres artesáns cun posterior diálogo no que todos os presentes poderán participar nunha posta en común sobre diversos aspectos cesteiros.

A iniciativa, enmarcada na campaña estival da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Para gustos, cultura, pretende compartir coñecementos, rescatar tradicións, intercambiar saberes, explorar novas formas de expresión e crear sinerxías entre persoas de distintas culturas e lugares que dunha ou doutra forma están ligadas á cestería.

Neste senso, preto de 60 artesáns de todo o mundo pasaron xa polo Cebreiro nestes últimos anos. Cesteiros de Reino Unido, Dinamarca, Polonia, Irlanda, Alemaña e Portugal forman parte desta edición e das tres anteriores xa celebradas. Unha cita que ano a ano serve de porta cara un universo de tradicións e maneiras de vivir que celebra a arte de entrelazar materiais, ideas, cultura e comunidades.

Comparte