Nova: Martina Aneiros pon en valor os traballos de conservación que a Xunta financia no xacemento arqueolóxico do Castro do Sarridal, en Cedeira

26/05/2025
Martina Aneiros pon en valor os traballos de conservación que a Xunta financia no xacemento arqueolóxico do Castro do Sarridal, en Cedeira
A delegada territorial de Ferrol, visitou a actuación acompañada do director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, e do director de campaña, Emilio Ramil
Os traballos, financiados cun investimento autonómico de 17.303 euros, céntranse no acceso ao castro baixo e no actual camiño a Punta Sarridal
Avanzou a execución dunha segunda campaña de escavación este ano valorada en 15.000 euros para recuperar o camiño desmontado na intervención actual
Cedeira (A Coruña), 26 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou esta mañá os traballos da última campaña de escavación arqueolóxica financiada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no castro do Sarridal, en Cedeira.
A actuación, que conta cun investimento autonómico de 17.303 euros, céntranse no acceso ao castro baixo e no actual camiño de acceso a Punta Sarridal, entre a torre defensiva e a continuación do foxo, e ten por obxecto documentar as estruturas desta área: torre, muro con vano, foxo e pavimentos.
Segundo explicou o director de campaña, Emilio Ramil, os labores que se prolongarán previsiblemente ata o 6 de xuño, permitirán ademais realizar o deseño para a colocación posterior dun novo acceso que substitúa o camiño asfaltado actual, o que permitirá unha visión máis completa das estruturas e unha mellor comprensión do conxunto arqueolóxico. Tal e como avanzou Martina Aneiros, está previsto executar unha segunda campaña de escavación este ano valorada en 15.000€, para recuperar o camiño desmontado por esta actuación de investigación e posta en valor.
A delegada territorial destacou que o traballo que se está a desenvolver no castro do Sarridal nos últimos anos é un reflexo do compromiso da Xunta coa conservación e posta en valor do patrimonio cultural galego e apuntou á súa importancia á hora de aproveitalo como recurso turístico e de identidade cultural.
O castro do Sarridal é un xacemento fortificado da idade do Ferro, de tipo costeiro, inaccesible desde o mar e defendido desde terra por dúas murallas precedidas polos seus respectivos fosos. Desde 2017 este xacemento está sendo escavado a través de diferentes campañas arqueolóxicas financiadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e o Concello de Cedeira. O máis destacado destas actuacións foi a localización dunha estrutura tipo sauna das denominadas “monumento con forno”, das que se conservan moi poucas en todo o noroeste peninsular.