Nova: López Campos reivindica o papel dos festivais audiovisuais galegos na colocación da estrela do cineasta Alfonso Zarauza en Cans

23/05/2025

López Campos reivindica o papel dos festivais audiovisuais galegos na colocación da estrela do cineasta Alfonso Zarauza en Cans

A Xunta subvenciona a organización do festival de Cans a través da convocatoria de axudas, que este ano distribúe 300.000€ entre 10 encontros de referencia no sector

Proxéctanse 120 filmes, dos que 40 son estreas en Galicia, con obras marcadas por temáticas como despoboamento, a memoria ou a identidade rural

A película ‘Antes de nós’, dirixida por Ángeles Huerta e apoiada polo Goberno galego, protagonizou onte a apertura oficial

Xacio Baño, Anxos Fazáns, Xiana do Teixeiro e Daniel Sánchez Arévalo son algunhas das figuras convidadas nunha edición que rende homenaxe á pioniera Cruz Risco

O Porriño (Pontevedra), 23 de maio de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou hoxe na colocación da estrela coa que o Festival de Cans homenaxea o cineasta compostelán Alfonso Zarauza, galardoado co Premio Pedigree de Honor polos seus 30 anos de traxectoria. A actual 22ª edición do certame que se celebra do 20 ao 24 de maio na localidade pontevedresa do Porriño,  arrancou o pasado martes un programa que ofrece 120 filmes, 40 deles estreas en Galicia, e que conta co apoio da Xunta de Galicia para a súa celebración. 

O titular de Cultura da Xunta reivindicou en Cans o papel dos festivais audiovisuais galegos polo seu compromiso co fomento do sector e coa difusión das obras de autoría galega e internacional entre público e profesionais. Felicitou a Alfonso Zarauza polo seu recoñecemento e tamén o  equipo organizativo do certame pola proxección que logra esta cita para o noso territorio, converténdose nun dos grandes referentes da cultura galega, ademais de punto de encontro do sector audiovisual e pioneiro na difusión e dinamización cultural desde o rural. 

Apoio integral ao sector

O conselleiro, que estivo acompañado do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, lembrou a importancia do cinema como sector estratéxico para o Goberno autonómico a través do apoio a citas como a de Cans, que recibe unha achega de máis de 39.000 euros mediante a liña de subvencións a festivais audiovisuais. Por medio desta canle, a Xunta destina este ano 300.000 euros a 10 mostras relevantes para o sector. 

No marco desta política, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste, durante este 2025, máis de 6 M€ repartidos en axudas a rodaxes e producións e coproducións para continuar co apoio aos proxectos e profesionais desta industria estratéxica en termos culturais e económicos. Ademais, para a promoción da lingua galega mantéñense investimentos nas liñas de axudas para traballos de realización e posprodución, así como á preprodución, promoción do talento, salas de cine, presenza de profesionais e títulos galegos en foros e mercados especializados. 

Programación marcada pola memoria histórica

A apertura oficial acolleu onte un pase da longametraxe Antes de nós, de Ángeles Huerta, filme sobre a figura de Castelao que contou con axuda do Goberno galego para a súa produición. Moitos dos filmes programados en Cans abordan temáticas como o despoboamento, a memoria ou a identidade rural. Tamén están a pasar polo festival novas voces do audiovisual galego e cineastas xa consagrados como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Xiana do Teixeiro ou Daniel Sánchez Arévalo, que protagonizará o coloquio central no Torreiro mañá sábado, xornada de clausura e de entrega de premios.

Organizado pola Asociación Cultural Arela e dirixido por Alfonso Pato, o encontro arrancou o pasado martes cunha homenaxe á pioneira cineasta galega Cruz Risco nunha xornada centrada na memoria histórica que quixo lembrar o campo de concentración de San Simón coa exposición Reisiño, o prisioneiro debuxante, arredor de Alfredo Bautista Alconero “Reisiño”, preso catro anos no penal; a proxección do documental Aillados, de Antón Caeiro; e o avance en exclusiva dos primeiros minutos do filme San Simón, dirixido por Miguel Ángel Delgado, que se estreará en outono tamén co apoio da Xunta.

Este ano a competición de Ficción e Animación proxecta 10 obras, das que catro teñen no festival a súa estrea absoluta e cinco delas se ven por vez primeira en Galicia. Os traballos presentados abordan temáticas como os coidados, a familia, a reinterpretación da masculinidade, a tecnoloxía, o amor ou a liberdade. Na sección competitiva Furacáns, destinada ás curtas de non ficción e a traballos que exploran vías narrativas de maior risco, poderán verse mañá sábado oito obras das que a metade son estreas absolutas, con temáticas que promoven reflexións sobre a paisaxe e a identidade a través de retratos íntimos ou arquivos familiares. 

Música para ‘Miss Ledya’

A música volve ter un forte peso no programa, que este ano ofrece concertos de bandas como Carabela, Caamaño&Ameixeiras, Biznaga e Mondra, quen actuará mañá poñendo música en directo ao filme mudo Miss Ledya, película muda de 1916 considerada a primeira obra de ficción rodada en Galicia polo pioneiro José Gil sobre un argumento de Rafael López de Haro e na que Castelao ten un papel como actor.

Ademais, o certame dedícalle este ano o seu Foco Internacional ao director boliviano Alejandro Loayza Grisi, que estivo participando na proxección da súa longametraxe debut Utama, premiada en Sundance en 2022. Referentes do sector como Xacio Baño, Anxos Fazáns, Xiana do Teixeiro ou Daniel Sánchez Arévalo, protagonizan os encontros co público desta 22ª edición, que se completa con obradoiros e outras actividades dirixidas a un público interxeracional.

 

Comparte