Nova: A Xunta desenvolverá na Illa de Ons un proxecto de rehabilitación para recuperar a capela de San Xaquín

22/05/2025
A Xunta desenvolverá na Illa de Ons un proxecto de rehabilitación para recuperar a capela de San Xaquín
O Goberno galego licitará nos vindeiros meses esta actuación, que contará cun investimento estimado de 170.000€
O obxectivo da intervención será solucionar as patoloxías do templo derivadas do paso do tempo, as humidades e a entrada de auga desde o exterior
Ángeles Vázquez salienta que esta é unha mostra máis da boa colaboración entre os distintos departamentos da Xunta, que permite desenvolver actuacións integrais para a recuperación e posta en valor do patrimonio cultural e natural da comunidade
López Campos destaca o compromiso do Executivo autonómico coa conservación dos bens culturais e a súa vinculación coa riqueza paisaxística do territorio “conformando un conxunto de gran valor polo que velamos”
Bueu (Pontevedra), 22 de maio de 2025
A Xunta de Galicia acometerá a rehabilitación da capela de San Xaquín de Ons cunha actuación encamiñada a solucionar as diversas patoloxías que presenta este ben patrimonial, derivadas do paso do tempo, as humidades e a entrada de auga desde o exterior. Así o anunciaron durante a visita que realizaron hoxe á illa a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Os representantes do Executivo galego explicaron que se realizou unha valoración do estado do templo, localizado nun recinto pechado ao sur dun dos espazos que conforman o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, que apunta a que a actuación contará cun investimento aproximado de 170.000 euros.
Neste senso, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático resaltou a colaboración e cooperación constante que existe entre os distintos departamentos da Xunta, que permite desenvolver proxectos integrais coma este que se vai levar a cabo en Ons ou como o xa realizado na illa de Cortegada.
Outro exemplo que salientou foi o da escavación no castro, actuación na que colabora a Universidade de Vigo e na que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático garante a conservación da contorna e a integración dos achados no Parque Nacional mentres que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa a musealización e difusión do patrimonio arqueolóxico.
Son dous claros exemplos, indicou a representante autonómica, do traballo que está a facer o Executivo galego para recuperar o patrimonio cultural das illas do Parque Nacional e poñelo a disposición do conxunto da cidadanía, para que poida coñecelo, desfrutalo e valorar a súa historia pasada.
Na mesma liña, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude destacou “o reiterado compromiso que desde o departamento temos coa recuperación, conservación e posta en valor dos nosos bens culturais”, puntualizando que “son moitos os casos nos que a riqueza patrimonial vai da man da riqueza paisaxística e natural no noso territorio, conformando un conxunto de gran valor polo que velamos desde a Administración autonómica de maneira transversal, mantendo ambas as dúas nas mellores condicións”.
López Campos lembrou que ademais do especial interese en recuperar os monumentos de espazos protexidos como é este Parque Nacional ou os que se atopan nos camiños de Santiago, “o noso obxectivo é coidar o noso patrimonio, a nosa historia, en calquera lugar de Galicia”.
Traballos a realizar
Tal e como explicaron os representantes da Xunta, o informe elaborado a petición do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia conclúe que, como consecuencia do paso dos anos e da climatoloxía, a capela sufriu diversos danos como o desprendemento de parte do falso teito, quedando a outra parte tamén en perigo de derrubamento. Ademais, a outras deficiencias provocadas pola entrada de auga pola cubertas e as fachadas, súmaselle que a madeira está afectada polo ataque de xilófagos.
É por iso que os traballos deberán centrarse no derrubamento dese falso teito, da cuberta de tella e da estrutura de madeira de pontóns para abordar seguidamente a súa recuperación mediante o uso de novos materiais e a recolocación dos elementos orixinais que se poidan restaurar. Ademais, é preciso actuar na fachada principal con tarefas de picado, saneado e novo encalado, mentres que as laterais e a posterior tamén serán obxecto dunha limpeza e saneamento.
O informe previo recolle tamén a necesidade de pulir o chan de terrazo, de drenar para evitar humidades, de realizar tratamentos antixilófagos, de restaurar a carpintería da porta e novas carpinterías para os ocos das ventás e de instalar un novo sistema de electricidade e iluminación da capela, que foi inaugurada en 1848.
Ciclo da auga
Por outro lado, Ángeles Vázquez puxo en valor que o esforzo da Xunta non se limita ao patrimonio cultural senón que tamén busca mellorar as condicións de vida das persoas que viven neste espazo protexido ou a preservar a súa rica biodiversidade. Nesta liña, lembrou que este ano está previsto rematar as obras para mellorar ao ciclo da auga no Parque Nacional, que inclúen a construción dunha depuradora de última xeración en Ons e a mellora das instalacións para o abastecemento de auga potable tanto para a veciñanza como para atender o resto de servizos existentes cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros.
A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático subliñou que a estas actuacións se engaden outras previstas para este ano que suman un investimento de máis de 380.000 euros -hai algunhas adicionais que dependen da dispoñibilidade de fondos europeos- e que inciden na conservación natural da illa así como en dar a coñecer os seus valores mediante campañas de divulgación e a organización de distintas actividades.
Entre as accións programadas inclúense varias para o control e eliminación de especies exóticas invasoras, a creación e mellora de áreas recreativas e zonas de uso público, o deseño de rutas ambientais e patrimoniais, actuacións para a preservación das aves mariñas ou traballos de mellora nos hábitats mariños, entre outras.