Nova: A Xunta aborda o acceso á información, a protección de datos e os dereitos culturais nos arquivos, museos e bibliotecas

15/05/2025

A Xunta aborda o acceso á información, a protección de datos e os dereitos culturais nos arquivos, museos e bibliotecas

As xornadas impulsadas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude servirán de base para a futura Guía de acceso aos documentos e á información

O evento inaugurado hoxe polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e contará coa participación de 150 especialistas

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou na Cidade da Cultura as xornadas sobre acceso documental organizadas pola Xunta de Galicia, e que marcan o inicio dos traballos para a elaboración da primeira Guía de acceso aos documentos e á información. Trátase dun documento cuxa creación está prevista no Plan de Arquivos aprobado polo goberno galego en 2022 co horizonte de 2026, dentro do seu obxectivo estratéxico de optimizar a organización e a xestión dos centros culturais públicos de interese para bibliotecas e museos.

Tal e como sinalou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, “o acceso á información é un dereito fundamental e unha ferramenta clave para a transparencia e a participación cidadá, por iso é esencial garantir que os centros culturais conten cunha interpretación clara e rigorosa do marco legal vixente”. Neste senso, Anxo M. Lorenzo salientou o papel vertebrador dos arquivos no sistema cultural galego, afirmando que “a formación e actualización permanente do persoal técnico resulta imprescindible para asegurar unha xestión documental eficiente e respectuosa cos dereitos individuais”.

As xornadas que se desenvolven ao longo do día de hoxe, mañá e o luns, teñen como obxectivo analizar o marco normativo que regula o acceso á documentación custodiada nos centros culturais, nun contexto onde conflúen cuestións complexas como a protección de datos persoais, os dereitos de imaxe ou a propiedade intelectual. Para iso, contarase coa participación de máis de 150 profesionais procedentes de arquivos, museos e bibliotecas integrados nos sistemas culturais da Comunidade, tanto de xestión autonómica como doutras administracións e de especialistas da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta que abordarán cuestións como a distribución competencial entre administracións, a xestión do dereito de préstamo ou o papel do público como xerador de contidos nos centros culturais.

Comparte