Nova: A Xunta convoca a nova edición do Premio Elías Valiña para recoñecer o labor revitalizador dos Camiños de Santiago

15/05/2025

A Xunta convoca a nova edición do Premio Elías Valiña para recoñecer o labor revitalizador dos Camiños de Santiago

A convocatoria publicada hoxe distingue o traballo de entidades sen ánimo de lucro que promoven os valores culturais, sociais e espirituais do Camiño

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anuncia a XXVI edición do premio cunha dotación de 15.000 euros

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2025

A Xunta acaba de publicar no Diario Oficial de Galicia a orde pola que se convocan as bases reguladoras do Premio Elías Valiña 2025, destinado a distinguir o labor revitalizador e de defensa dos valores do Camiño de Santiago por parte de asociacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan estas funcións dentro ou fóra de Galicia.

Deste xeito, a Consellería de Lingua, Cultura e Xuventude recoñece proxectos que inclúan accións de protección do patrimonio material, investigación e divulgación, fomento do asociacionismo ou promoción dos valores espirituais, sociais e solidarios que definen o espírito do Camiño. A contía económica do galardón ascende a 15.000€, con posibilidade de repartirse entre varias entidades. Ademais, poderá concederse unha mención especial, sen dotación económica, a título individual.

O galardón leva o nome de Elías Valiña Sampedro, párroco do Cebreiro, figura clave na recuperación da ruta xacobea e impulsor das emblemáticas frechas amarelas. Como estudoso do Camiño, deixou obras de referencia como El Camino de Santiago: estudio histórico-jurídico (1971) e promoveu o primeiro Boletín del Camino de Santiago.

A convocatoria deste ano dá continuidade a unha traxectoria consolidada. Na súa edición anterior, o Premio Elías Valiña recoñeceu de forma compartida á Asociación Bretona de los Amigos de Santiago (Compostelle Bretagne) e á Fundación San Antón, pola súa achega á revitalización do Camiño en Francia e en Castela e León, respectivamente. Así mesmo, outorgouse unha mención especial aos mestres Mario Clavell e Paulo Sá, pola súa contribución singular á difusión dos valores xacobeos.

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través da sede da Xunta no prazo dun mes, ata o 26 de xuño. A documentación a achegar inclúe unha memoria xustificativa das actividades desenvolvidas nos últimos cinco anos, entre outros requisitos. Poderán optar entidades con máis de cinco anos de traxectoria activa e que non resultasen premiadas nas últimas cinco edicións.

Comparte