Nova: Abre a Feira do libro de Lugo con máis dunha trintena de actividades para poñer en valor o libro galego

13/05/2025
Abre a Feira do libro de Lugo con máis dunha trintena de actividades para poñer en valor o libro galego
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na inauguración desta cita cultural que se celebra na semana das Letras Galegas, que este ano homenaxea ás cantareiras
A praza Maior acollerá ata o 17 de maio sinaturas, presentacións, música e propostas para o público infantil
Lugo, 13 de maio de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na inauguración da Feira do Libro de Lugo, cidade na que, desde hoxe e ata o 17 de maio, se celebrarán máis dunha trintena de actividades para poñer en valor o libro galego, coincidindo precisamente coa semana das Letras Galegas.
No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou “a coincidencia desta cita coa celebración do día máis importante das nosas letras que terá lugar o vindeiro sábado”. Neste senso, convidou á cidadanía a achegarse ata os postos e coñecer, a través das obras, a historia e o legado das cantareiras, homenaxeadas este ano nun dos días máis importantes da literatura galega.
Anxo M. Lorenzo sinalou que Lugo é a terceira parada do circuíto das Feiras do Libro de Galicia, impulsadas pola Xunta e a Federación de Librarías de Galicia, e que este ano estará en 13 cidades e vilas. “Trátase dunha iniciativa que pon o foco no sector do libro na procura de achegar á toda a cidadanía as novidades literarias e así dinamizar a comercialización dos nosos títulos”, incidiu.
No caso da cidade de Lugo, o director xeral de Cultura destacou que a praza Maior acollerá durante cinco días unha ampla programación con máis dunha trintena de actividades entre as que se inclúen sinaturas de libros, presentacións, conversas, música e actividades para público infantil como representacións teatrais.
Ao abeiro desta cita, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé “na importancia deste sector claramente reflexado no traballo do Goberno galego a través do convenio que asinamos anualmente coa federación de libreiros de Galicia, así como as distintas liñas de axudas que poñemos en marcha arredor do libro e da creación literaria e que suman 3M€”. Deste xeito, o resultado deste compromiso amósase no estudo sobre hábitos lectores na Comunidade, que destaca que as librarías tradicionais seguen a ser a canle elixida para adquisición de publicacións.
Finalmente, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude rematou a súa intervención cun recoñecemento especial á pregoeira desta feira, a escritora luguesa Cecilia F. Santomé, gañadora do Premio Literario Nortear en 2017 co relato 34, Rue Saint Jacques e galardoada no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo en 2021 pola obra As orfas daquel verán.
Calendario ata agosto
Lugo será a terceira das 13 citas co libro e a lectura que terán os galegos e galegas en diferentes vilas e cidades das catro provincias. Tras iniciar o percorrido en Ferrol e pasar por Santiago de Compostela, recollerá o relevo a capital luguesa, onde a Feira do Libro permanecerá aberta ata o 17 de maio. Durante os días 13, 14 e 15 abrirá en horario de tarde, de 17,30 horas ata ás 21,00 horas, mentres que o venres 16 e o sábado 17 os postos permanecerán abertos desde as 11,30 horas ata ás 14,00 horas, e de 17,30 horas ata ás 21,00 horas.
Tras isto, as paradas serán no Porriño, do 29 de maio ao 1 de xuño; Redondela, do 12 ao 15 de xuño, e Ourense, do 18 ao 21 de xuño. Xa no mes de xullo haberá Feira do Libro en Vigo, do 1 ao 7 de xullo; en Ponteareas, do 10 ao 13 de xullo, e en Rianxo, do 24 ao 27 de xullo. En agosto as feiras estarán tamén na Coruña, do 1 ao 10; Viveiro, do 12 ao 15; Foz, do 16 ao 19, e, finalmente, en Monforte de Lemos, do 20 ao 23.